A Xunta investirá no vindeiro ano máis de 600.000 euros en renovar e modernizar o equipamento do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia

Actualizarase o seu sistema de información para facilitar a integración automática dos resultados

O laboratorio duplicou o número de ensaios realizados ao ano dende a súa centralización en Lugo, no ano 2015
 

Lugo, 15 de decembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou hoxe, na súa visita ao Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, que a Xunta de Galicia investirá 600.000 en renovar e modernizar o equipamento deste centro. Será, dixo o conselleiro, “o maior investimento nun só exercicio dende a posta en marcha do Laboratorio, co que teremos investido nel preto de catro millóns de euros dende 2015”.
En particular, o investimento anunciado hoxe polo conselleiro de 600.000 euros, ademais de mellorar equipos, posibilitará, -dixo o responsable sanitario-, “actualizar os sistemas de información, permitindo levar a cabo unha integración automática dos resultados dos ensaios”. Deste xeito, -proseguiu García Comesaña-, “seremos máis áxiles no manexo e monitorización da gran cantidade de datos que ofrece este laboratorio”.

O equipamento obxecto destes expedientes de contratación é susceptible de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

Tamén imos seguir investindo na formación das máis de 50 persoas que conforman o equipo deste laboratorio, -dixo o titular da carteira sanitaria-, “que son as responsables últimas do gran prestixio da súa actividade”.

Na visita do conselleiro, na que tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta, Javier Arias Fouz; a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; o xerente da área sanitaria, Ramón Ares; e a xefa territorial de Sanidade, Begoña Seco, o máximo responsable sanitario remarcou que a Xunta conta en Lugo “cunha infraestrutura e un equipo excepcional para coidar da saúde pública de Galicia”.

Laboratorio de referencia

Tal e como recordou o conselleiro, a Xunta apostou por Lugo para ter esta infraestrutura e iniciou, no ano 2013, unhas obras de ampliación do laboratorio provincial para aumentalo ata os 2.500 m2, dotalo de novo equipamento de alta tecnoloxía e convertelo no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, “que agora é referente no eido da saúde pública de toda España”. Despois dun investimento de case dous millóns de euros, botou a andar en xaneiro de 2015, e a medidados dese ano tivo unha nova achega de 600.000 euros para completar a reforma e a adquisición de tecnoloxía. Estes investimentos foron cofinanciados nun 80% pola Unión Europea dentro do programa operativo FEDER Galicia 2007-2013. Posteriormente, investíronse, entre 2018 e 2020, outros 600.000 euros en distintos equipos de cromatografía.

Tamén destacou o conselleiro que, dende o ano 2015, duplicáronse os ensaios, que pasaron de 127.000 nese ano a 291.000 en 2020, e multiplicáronse por cinco os ensaios intercolaborativos, que son aqueles nos que se comparan os resultados obtidos con laboratorios similares. En cantos máis ensaios colaborativos se participe, maior será a calidade dos datos ofrecidos polo laboratorio, pois esa comparativa serve como ferramenta de control da calidade necesaria para a acreditación das técnicas analíticas.

O Laboratorio é referente para Galicia para facer as análises do Plan Nacional de Investigación de Residuos e, ademais, cada vez máis técnicas das que realiza contan con acreditación, superando xa o centenar, “por iso o Executivo galego vaino potenciar e involucrar en máis actividades, para explotar todo o seu potencial”, -concluiu o conselleiro-.
 

Imaxes relacionadas