O conselleiro do Medio Rural, acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, fixo entrega destes turismos en Santiago

A Consellería do Medio Rural inviste preto de 2 M€ en adquirir 120 vehículos novos para as oficinas agrarias comarcais ou os servizos de control da calidade

José González puxo de relevo esta renovación do parque móbil co obxecto de garantir a seguridade do persoal da Consellería que debe desprazarse pola comunidade para levar a cabo as súas tarefas

Destacou que en 2022 se consignarán 3,5 millóns de euros para renovar e ampliar o parque móbil de extinción, 2,1 millóns para adquirir vehículos para os axentes ambientais e 1,21 millóns de euros para alugar 137 pick-up para as brigadas

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2021

A Consellería do Medio Rural vén de investir preto de 2 millóns de euros en renovar o seu parque móbil, adquirindo 120 vehículos novos a disposición do persoal das Oficinas Agrarias Comarcais ou dos servizos de control da calidade agroalimentaria. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, que acompañado do secretario xeral técnico da Consellería, Nicolás Vázquez, fixo entrega hoxe destes turismos nun acto en Santiago de Compostela.

Na súa intervención, o titular de Medio Rural falou da necesidade de garantir a seguridade dos traballadores da Consellería que deben desprazarse pola comunidade para levar a cabo as súas tarefas. Referíndose á Consellería do Medio Rural como un departamento moi apegado ao terreo, afirmou que estes novos vehículos tamén fornecerán os servizos de gandaría, explotacións ou infraestruturas agrarias, ademais das xefaturas territoriais e de distintos distritos forestais.

Apuntando á obriga que ten a Administración de optimizar os recursos dispoñibles para realizar o traballo de xeito eficiente nunha comunidade caracterizada pola dispersión poboacional, José González puxo de relevo iniciativas como a Oficina Agraria Móbil, posta en marcha para dar servizo naqueles lugares que non contan con este tipo de instalacións preto.

Nese senso, aludiu tamén ao Plan de reestruturación e optimización da rede de Oficinas Agrarias Comarcais de Galicia, que contará en 2022 cun orzamento de 1,75 millóns de euros. Un plan que quere consolidar estas oficinas para afianzar o contacto directo da Xunta cos agricultores e gandeiros de cada zona, en beneficio do noso rural.

Renovación do parque móbil en 2022

O conselleiro destacou que o ano vindeiro se manterán as dotacións en materia de aluguer de vehículos pick-up, cun total de 1,21 millóns de euros para a concesión de 137 vehículos novos ás brigadas con operatividade de 6 meses.

A maiores, destinaranse 3,5 millóns de euros á renovación e ampliación da versatilidade do parque móbil de extinción. Renovaranse tamén os vehículos que empregan os axentes ambientais, consignando 2,1 millóns de euros para a adquisición de todoterreos, 4x4 e furgonetas.

Todo, segundo dixo, para incidir na mellora da atención que presta a Consellería do Medio Rural en cada recuncho da nosa comunidade, con medios cada vez máis eficaces e eficientes ao servizo do rural.

Imaxes relacionadas