O presidente da Xunta participou na xornada con motivo do 35 Aniversario de Expansión en Galicia: Sostenibilidad y digitalización. Claves para la reactivación de la economía y el empleo en Galicia.

Feijóo reivindica a candidatura galega aos fondos de recuperación europeos e o avance da dixitalización como exemplo da política de "luces largas"

“Sería un erro maiúsculo traizoar a confianza que Europa depositou nunha recuperación xusta para España se xestionamos os fondos con arbitrariedade e ineficacia”, sinala, insistindo na necesidade de que o reparto sexa transparente

Avanza que na reunión do Consello de mañá se abordará a aposta da Administración polo uso da tecnoloxía cloud cun investimento de 22 M€, que permitirá aforrar custos, mellorar a dispoñibilidade da información e ser máis áxiles

A Coruña, 15 de decembro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe a candidatura galega presentada aos fondos de reconstrución europeos e a dixitalización como exemplo da “política de luces largas que enfoca ás seguintes xeracións sen cegar os retos inmediatos”.

A este respecto, recordou que Galicia abordou a oportunidade dos fondos Next Generation cunha candidatura de 20.000 M€, dos que a metade se centran na transición enerxética, economía circular, eficiencia e mobilidade sostible. Así, aludiu á posta en marcha dun Polo para a Transformación de Galicia que aspira a implantar proxectos tractores en xestión sostible dos bosques, construír un centro de economía circular ou xerar hidróxeno verde, coa mobilización de máis de 3.000 M€.

“Sería un erro maiúsculo traizoar a confianza que Europa depositou nunha recuperación xusta para España se xestionamos os fondos con arbitrariedade e ineficacia”, sinalou, ao tempo que volveu insistir na necesidade de que o reparto se faga con transparencia e por concorrencia competitiva.

O presidente do Goberno galego aproveitou igualmente a intervención para subliñar os últimos avances producidos no ámbito da dixitalización: o 90% dos fogares galegos están conectados a internet, desenvolvéronse preto de 30 proxectos piloto 5G cun investimento público-privado de 22 M€ e 55.000 estudantes asisten a clase con libro dixital. Sobre este punto, puxo en valor a Estratexia Galicia Dixital 2030 que ten a pretensión de mobilizar 4.000 M€ para que en 5 anos o 85% das micropemes a empreguen na Administración dixital, que o 70% das persoas conten con competencias dixitais básicas ou que a metade das empresas vendan por canais dixitais.

Ao fío disto, avanzou que na reunión do Consello de mañá se abordará a aposta da Administración polo uso da tecnoloxía cloud cun investimento de 22 M€, que permitirá aforrar custos, mellorar a dispoñibilidade da información e ser máis áxiles.

Ademais, durante esta xornada con motivo do 35 Aniversario de Expansión en Galicia, Feijóo destacou que o nacemento deste diario se produciu en paralelo ao despegue da Autonomía. “Estes 40 anos Galicia foi unha conxunción de compromiso empresarial e estabilidade política”, dixo, engadindo que “no progreso destas últimas décadas participa a política útil que é capaz de xerar estabilidade e o periodismo solvente de Expansión que xera confianza”.

Imaxes relacionadas