O titular do Goberno galego participou hoxe na entrega do XV Premio Familia Empresaria

Feijóo incide no compromiso da Xunta para seguir apoiando o emprendemento con rebaixas fiscais e sendo a segunda Comunidade con menor débeda pública por habitante

Lembra que o 92% das empresas galegas son familiares e recoñece a súa contribución a unha Galicia próspera, solvente e estable

Traslada os parabéns á familia Castro Romero, galardoada hoxe e fundadores do Grupo Servicio Móvil, “unha empresa que mestura o olfato emprendedor coa capacidade de traballo, de esforzo e de reinvestimento constante”
 

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, incidiu hoxe no compromiso da Xunta para seguir apoiando o emprendemento, con rebaixas fiscais no tramo autonómico do IRPF, no imposto de transmisións patrimoniais e no imposto de patrimonio; e sendo a segunda Comunidade de España con menor débeda pública por habitante.

“Un galego debe uns 2.500 euros menos per cápita que o resto de cidadáns españois”, abundou, precisando tamén que Galicia é a terceira autonomía con menor presión fiscal; paga aos seus provedores cunha media de 13 días, “e hoxe hai 34.725 persoas menos desempregadas e 25.614 persoas máis afiliadas á Seguridade Social que fai un ano”, dixo.

Logo de recordar que o 92% das empresas galegas son familiares, o responsable do Goberno galego aproveitou a súa intervención na entrega do XV Premio Familia Empresaria, para recoñecer a súa contribución a unha Galicia próspera, solvente e estable.

Nesta liña, trasladou os parabéns á familia Castro Romero, fundadores do Grupo Servicio Móvil, “unha empresa que mestura o olfato emprendedor coa capacidade de traballo, de esforzo e de reinvestimento constante”, dixo, destacando a súa aposta pola profesionalización, a internacionalización e a innovación.
 

Imaxes relacionadas