O conselleiro do Medio Rural mantivo unha xuntanza co rexedor desta localidade coruñesa, na que tamén participou o director xeral de Defensa do Monte

A Xunta avaliará a proposta do concello de Mesía para colaborar na adecuación de camiños no municipio co fin de previr incendios forestais

Na reunión analizouse a proposición municipal de cooperar no acondicionamento e limpeza de varios vieiros na parroquia de Boado, coa finalidade principal de anticiparse ao lume

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2021

A Xunta avaliará a proposta do Concello de Mesía para colaborar na mellora de infraestruturas rurais neste municipio coruñés, máis concretamente na adecuación de diferentes camiños, co fin de previr incendios.

Así llo trasladou o conselleiro do Medio Rural, José González, ao alcalde de Mesía, Mariano Iglesias, nun encontro de traballo mantido este mediodía no despacho do titular de Medio Rural en San Caetano, no que tamén participou o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez.

A proposta municipal refírese ao arranxo de diferentes camiños na parroquia de Boado. Trataríase da súa adecuación e limpeza, fundamentalmente, co fin de facilitar a anticipación e a prevención dos incendios forestais nestas zonas, que teñen unha clara vocación forestal.

Na xuntanza, o conselleiro comprometeuse a estudar polo miúdo a viabilidade técnica e orzamentaria da proposta achegada polo rexedor e sinalou que a anticipación ao lume é, precisamente, un dos eidos clave de colaboración interadministrativa na que incide Medio Rural para procurar unha maior seguridade das persoas e dos bens diante dos incendios forestais.

Imaxes relacionadas