O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, presentou hoxe o borrador do Plan, en fase de consulta pública, ao que se poderán presentar achegas ata o 22 de decembro

A Xunta celebra unha nova xornada cos axentes sociais sobre o Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2022-2025, que ten como obxectivo reducir nun 25 % o número de vítimas mortais nas estradas

Trátase de seguir avanzando no documento definitivo deste Plan pioneiro en España ao incorporar a “visión cero vítimas nas estradas”, para poder aprobalo en xaneiro

Neste proceso de compilación de achegas, a Xunta considera fundamental a participación dos grupos parlamentarios, polo que tamén remitiu o documento ao Parlamento para o seu traslado aos grupos

A nova planificación incidirá en accións específicas para usuarios como os peóns, os ciclistas, os maiores, os nenos, os peregrinos, transportistas, repartidores ou empregados de conservación

Intensificarase a iniciativa de “estradas que perdoan”, con intervencións dirixidas á redución das consecuencias da sinistralidade por saída de vía, seguindo cos traballos que xa se levan a cabo

A seguridade viaria é prioritaria para a Xunta, que vén impulsando iniciativas como o Plan de reforzos de firme, o Plan de sendas ou a estratexia para eliminar os tramos de concentración de accidentes

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2021

A Xunta celebrou hoxe unha nova xornada informativa para abordar con axentes sociais o Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2022-2025, que ten como obxectivo reducir nun 25 % o número de vítimas mortais e de feridos graves nas estradas.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, xunto cos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, afondou no borrador deste Plan pioneiro en España ao incorporar a “visión cero vítimas nas estradas”. O plan está actualmente en fase de consulta pública e os interesados poderán trasladar as súas achegas ata o 22 de decembro.

A esta nova reunión da Xunta estaban convocados, entre outros, representantes de Stop Accidentes, da Asociación de Amigos del Camino, da Asociación Nacional de Motoristas, de Cogami, das asociacións de transportistas de mercadorías e viaxeiros por estrada, do colectivo profesional do taxi, así como de colexios profesionais, da Federación Galega de Municipios e Provincias, da demarcación de Estradas do Estado en Galicia ou da Comisión de Seguridade Vial do Parlamento de Galicia.

Neste proceso de compilación de achegas, a Xunta tamén considera fundamental a participación dos grupos parlamentarios da Cámara galega. Por iso o borrador do Plan de seguridade viaria de Galicia 2022-2025 remitiuse ao Parlamento de Galicia para o seu traslado aos grupos, tendo en conta a Comisión Parlamentaria Non Permanente Especial de Estudo sobre a Seguridade Viaria en Galicia, cuxos documentos de traballo foron tidos en conta para a redacción inicial do Plan.

O encontro cos axentes sociais celebrado esta mañá centrouse na aclaración de dúbidas de cara a facilitar a formulación de achegas ao Plan por parte das entidades sociais, no marco do procedemento de participación para a elaboración do documento definitivo.

Tras esta xornada, e unha vez recibidas e analizadas as achegas recibidas teranse en conta todas as que resulten viables, co obxectivo de aprobar o Plan no vindeiro mes de xaneiro para comezar a desenvolver as medidas nel recollidas a inicios de ano.

Segundo trasladou o director da Axencia Galega de Infraestruturas no encontro cos representantes das organizacións que traballan a diario neste eido, para a Xunta é importante a súa implicación, por ser os mellores coñecedores das medidas e actuacións máis necesarias no eido da seguridade viaria.

O novo Plan de seguridade viaria de Galicia nace co obxectivo de reducir as vítimas de tráfico e para iso recollerá estratexias seguidas polos países de referencia nesta materia, como Suecia, Holanda ou Alemaña, ademais de afondar nunha maior colaboración con outras administracións.

A nova planificación incidirá en accións específicas para usuarios como os peóns, os ciclistas, os maiores, os nenos, os peregrinos, transportistas, repartidores ou empregados de conservación, entre outros.

Tamén se intensificará o concepto “estradas que perdoan”, con intervencións dirixidas á redución das consecuencias da sinistralidade por saída de vía, dando continuidade a traballos que xa se levan a cabo.

Reforzar a seguridade viaria

O Goberno galego vén redobrando o esforzo técnico e económico nos últimos anos para reforzar a seguridade viaria das estradas, a través de actuacións de viabilidade invernal, de conservación ordinaria ou extraordinaria co Plan de reforzos de firme, cun orzamento anual de arredor de 20 M€.

No marco destas iniciativas, destacan o Plan de sendas de Galicia, que xa permitiu habilitar 170 km de novos itinerarios, ou a Estratexia para actuar nos puntos de concentración de accidentes das estradas autonómicas, cun investimento de máis de 15 M€.

O departamento de Infraestruturas da Xunta tamén vén apostando polas accións de concienciación con campañas como a que leva por lema “Mirar por min é mirar por todos. Porque na estrada somos pezas fráxiles”. Esta iniciativa estivo centrada nos peóns e logo nos condutores, para chamar a atención sobre as condicións climatolóxicas do cambio de estación ou a importancia de manter o vehículo en condicións idóneas.

A Xunta tamén repartiu, ademais, 33.000 prendas reflectantes para peóns e ciclistas nos últimos anos e impulsou a campaña de sensibilización dirixida aos nenos de educación primaria baixo o lema “O Corazón está do teu lado”, entre outras actuacións.

Imaxes relacionadas