A Xunta recibe as ofertas de 10 empresas para executar unha senda peonil na estrada AC-214 en Sigrás, no concello de Cambre, cun investimento de máis de 743.000€

Construirase un itinerario de 720 metros de lonxitude, desde o cruce coa AC-213 e a N-550, nos núcleos da Telva, A Xira e A Pena de Sigrás de Abaixo

A senda adaptará a súa configuración ás edificacións existentes nas marxes da estrada e ampliarase a calzada entre os puntos quilométricos 8+860 e 9+280, acondicionando banda de aparcadoiro nas zonas onde sexa posible

A Xunta ten en marcha tres proxectos de sendas no municipio, que suporán a construción de 2,7 novos quilómetros de traxectos peonís e ciclistas seguros cun investimento de case 2 millóns de euros

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2021

Un total de 10 empresas veñen de presentar as súas ofertas para a construción da nova senda peonil na estrada autonómica AC-214 en Sigrás, no concello de Cambre, que suporá un investimento de máis de 743.000 euros.

O obxectivo desta intervención é a mellora da mobilidade peonil e da seguridade viaria na estrada AC-214, coa construción dunha senda no treito comprendido entre os puntos quilométricos 8+500 e 9+260, desde a intersección tipo glorieta coa AC-213 e a N-550, dentro dos núcleos da Telva, A Xira e A Pena de Sigrás de Abaixo.

O novo itinerario, duns 720 metros de lonxitude, contará con pavimento de formigón e unha sección variable adaptada á configuración da estrada, que conta con edificacións nas súas marxes. En calquera caso, garántese a accesibilidade mediante unha sección mínima de 1,80 metros, máis 20 centímetros de bordo transitable de separación da calzada.

Ademais, ampliarase a calzada a entre os puntos quilométricos 8+860 e 9+280, xa que a actual sección é insuficiente, e conseguiranse dous carrís de 3 metros e beiravías de 0,5 metros. Nas zonas nas que sexa posible acondicionarase banda de aparcadoiro.

A intervención complétase coa execución da necesaria drenaxe, sinalización vertical e horizontal, balizamento e defensas e acondicionamento de dúas das paradas de bus.

Sendas peonís en Cambre

A Xunta está a impulsar no Concello de Cambre a execución de tres sendas, que suporán a construción de 2,7 novos quilómetros de itinerarios peonís e ciclistas seguros, sostibles e integrados na paisaxe, cun investimento de case 2 millóns de euros.

A Xunta, ademais desta de Sigrás, habilitará outro itinerario mixto, peonil e ciclista, na AC-214 que posibilitará o enlace do núcleo de Cambre coa Xira, finalizando na AC-213, e que suporá un investimento de 585.000 euros; e tamén ten prevista outra senda na AC-213 na Telva, nos concellos de Cambre e de Culleredo, á que destinará arredor de 380.000 euros, habilitando dúas sendas diferentes e complementarias, cunha lonxitude total de 680 metros: 540 na estrada AC-213 e 140 metros no ramal ao polígono de Alvedro.