O presidente do Goberno galego reuniuse hoxe con Héctor Manuel Corujo

Feijóo analiza co alcalde do Incio o proxecto de Gallego Jorreto para o plan Hurbe do concello

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, analizou hoxe co alcalde do Incio, Héctor Manuel Corujo, o proxecto do arquitecto Manuel Gallego Jorreto para o Plan Hurbe do Concello.

Durante a xuntanza, abordaron as dúas primeiras fases da iniciativa, que suporían a rehabilitación da Casa Escola -cun orzamento estimado de 132.000 euros- e a adaptación da pista polideportiva, onde se levaría a cabo o cambio de cuberta, o acondicionamento acústico con madeira, plantación de árbores e ordenación de gradas.

No eido urbanístico, o titular do Goberno galego avanzou a intención de aprobar o PXOM do concello no primeiro trimestre de 2022.

A maiores, Feijóo trasladoulle ao alcalde que se estudará o acondicionamento da contorna da igrexa de Santa Cruz, declarada BIC en abril deste ano, e a previsión de ter a finais de 2021 o informe para a novo proxecto de restauración da igrexa de Trascastro.

Ademais, Feijóo salientou que na convocatoria deste ano a Xunta concedeu unha axuda para crear neste concello unha casa niño con 5 prazas para atender a nenos de 0 a 3 anos. O Goberno galego achega 15.000 euros para investimento inicial e acondicionamento do local e 20.000 euros anuais para mantemento.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta