A Secretaría Xeral para o Deporte achega 65.000 euros para mellorar as dotacións de Lourenzá e Barreiros

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que se dotou de nova iluminación ao campo de fútbol de Santa Cruz e construíuse unha pista multideportiva en San Cosme

Lourenzá (Lugo), 14 de decembro de 2021

A Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia achegou 65.000 euros para mellorar as dotacións deportivas de Lourenzá e Barreiros; o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado das obras realizadas xunto coa alcaldesa de Barreiros, Ana Hermida, e o tenente de alcaldesa laurentino, Javier Huertas, entre outros.

O delegado subliñou “a implicación do Goberno galego cos concellos, especialmente cos de menor tamaño, asumindo o groso do financiamento destas actuacións que posibilitan que os veciños e veciñas dispoñan de infraestruturas modernas que incentiven a práctica do deporte”.

Arias visitou en Lourenzá o campo de fútbol de Santa Cruz, onde se substituíu a iluminación por outra máis eficaz e eficiente. Así, instaláronse catro torretas con escaleira de acceso exterior, catro proxectores de tipo LED e catro cadros eléctricos na base de cada unha.

En San Cosme de Barreiros construíuse unha pista multideportiva, xunto ao colexio e na zona de maior poboación do núcleo. Conta con céspede artificial sobre unha base de formigón poroso e peche exterior de madeira con rede de protección. Está preparada para a práctica de fútbol sala e baloncesto, e tamén é apta para voleibol e bádminton, entre outras modalidades.

Imaxes relacionadas