A secretaría xeral para o Deporte e o Concello colaboran na renovación do pavillón municipal de San Marcos cun investimento de máis de 20.000€

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, supervisou o resultado das obras que tiveron un orzamento total de 20.103 euros e contaron cunha axuda do Goberno galego de 16.000 euros

O obxectivo destas achegas é apoiar a práctica deportiva nos concellos mellorando as instalacións municipais
 

Abegondo (A Coruña), 14 de decembro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Abegondo, José Antoni Santiso, supervisaron o resultado das obras de mellora no pavillón municipal que contaron cun orzamento total de máis de 20.000 euros dos cales a Xunta achegou 16.000 euros.

Trenor destacou a colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello permitiu que se levaran a cabo varias obras que consistiron na colocación de 30,20 metros de baranda na parte superior das gradas, similar á existente para dotar a esta zona de máis seguridade e na execución dun porche exterior uns 18 metros cadrados con estrutura metálica e cuberta de policarbonato.

O representante do Goberno autonómico recalcou que “o obxectivo destas achegas é a de apoiar a práctica deportiva no concellos”. Segundo indicou Trenor “trátase de contribuír a potenciar o deporte, que ten un papel transcendental na sociedade para a mellora da calidade de vida dos cidadáns”.

Así, o delegado da Xunta tamén apuntou que “fomentar a actividade deportiva e os hábitos saudables cumpre unha importante tarefa na formación educativa dos mozos e mozas nas respectivas disciplinas onde desenvolven a súa actividade”.

Ademais, resaltou que estes proxectos contan “coa colaboración directa dos concellos que ademais de aportar unha porcentaxe do custe da obra son os encargados da redacción do proxecto e da execución da mesma”.

Imaxes relacionadas