A Xunta ultima un plan de reforzo para incrementar nun 10% os servizos de autobús da liña a Coruña-Ferrol

A proposta de reestruturación presentada polo concesionario prevé 10 servizos por autoestrada máis cada día de luns a venres, o que supón un incremento de máis do 30% nas expedicións con maior demanda

A optimización dos itinerarios de entrada e saída da cidade da Coruña permite que 24 expedicións teñan parada no CHUAC, preto da metade con servizos directos

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2021

A Xunta está a ultimar a proposta de mellora dos servizos de autobús entre as áreas da Coruña e Ferrol elaborada polo operador, que suporá reforzar a oferta cun 10% máis de expedicións cada semana.

A reestruturación presentada polo concesionario prevé dispoñer 10 servizos por autoestrada máis cada día de luns a venres, o que representa un crecemento superior ao 30% con respecto á situación actual. Estas expedicións directas entre as cidades da Coruña e Ferrol son as que concentran unha maior demanda por parte dos usuarios e a proposta aposta por reforzalas, especialmente, nas horas punta á primeira hora da mañá e á primeira hora da tarde.

Ademais do aumento global de servizos da concesión dun 10%, a reestruturación deseñada pola empresa ten en conta a necesidade de que os itinerarios favorezan a atención de puntos de atracción de demanda significativos, como son o Complexo Hospitalario e os campus universitarios na cidade da Coruña.

Así, a proposta incrementa os servizos que entran e saen da Coruña polo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), engadindo novas expedicións con parada nestas instalacións, sumando 12 idas e 12 voltas ao día. Ademais, os campus universitarios gañan servizos nas horas de maior demanda.

A proposta de reestruturación tamén optimiza os servizos dos traxectos intermedios, asegurando a accesibilidade dos corredores A Coruña-Betanzos e Ferrol-Pontedeume.

Con este obxectivo, substitúense expedicións por estrada entre as dúas cidades por servizos semidirectos ou directos con percorridos parciais entre a zona de Betanzos, Miño e Pontedeume na súa conexión coa Coruña e Ferrol.

Paralelamente, estes servizos harmonízanse con outras concesións nas que existen solapes nestes itinerarios, de xeito que se garante a atención dos tráficos intermedios e se optimiza a duración das viaxes.

O obxectivo da Xunta é terminar de axustar os reforzos para poder implantalos tras as festas de Nadal.

Imaxes relacionadas