A Xunta inviste máis de 110.000 euros na renovación integral da cabina e da sala de proxeccións da filmoteca de Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade inicia a execución das obras de reforma e modernización da sede coruñesa da cinemateca, que se desenvolverá ao longo desta recta final do ano

A primeira fase céntrase na cabina co obxectivo de ampliar o espazo para os proxectores e optimizar as condicións de traballo, mentres que a segunda implicará unha transformación total da sala cara a unha maior comodidade do público

A Coruña, 14 de decembro de 2021

A Xunta está a acometer as obras de renovación da sede da Filmoteca de Galicia na Coruña, que suporá unha renovación integral tanto da cabina de proxección como da sala. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade inviste máis de 110.000 euros neste proxecto de modernización das instalacións, que redundará nunha mellora substancial das condicións de uso tanto por parte do público como do persoal da cinemateca.

A reforma da Filmoteca, situada na Casa da Cultura Salvador de Madariaga da Coruña, desenvolverase en dúas fases ao longo desta recta final do ano, unha vez finalizado o proceso para a obtención dos correspondentes informes, licenzas e permisos.

En primeiro lugar, estase a executar a obra de maior envergadura, que afecta á cabina de proxección e que porá todo o espazo ao mesmo nivel, eliminando os compartimentos existentes ata o momento. Esta actuación optimizará as condicións de traballo no seu interior, ao tempo que gañará amplitude para operar os distintos proxectores: dixital, 35 mm e 16 mm. Neste sentido, facilitará as sesións cinematográficas que combinan diferentes formatos, circunstancia habitual nas programacións da Filmoteca.

Cambios estéticos e funcionais

A segunda fase levarase a cabo na sala da cinemateca, que será renovada na súa totalidade. Cambiaranse teitos, paredes, chan e butacas, así como todo o sistema de iluminación e de ventilación. Someterase, pois, a unha modernización integral que non será exclusivamente estética, senón que tamén redundará nunhas mellores condicións de seguridade, mobilidade e comodidade do público.

Unha vez rematadas as obras, a Filmoteca de Galicia retomará a súa programación de proxeccións para avanzar nunha das funcións prioritarias que vén desenvolvendo desde a súa fundación hai máis de 30 anos como entidade para a conservación do noso patrimonio audiovisual e para a difusión da arte cinematográfica e, en especial, da creación galega.