A Xunta despregará en toda Galicia unha plataforma tecnolóxica que permitirá resolver a totalidade das chamadas perdidas dos centros de saúde en menos de dúas horas

Desde esta semana, o aplicativo CRM100 estará operativo en 40 centros de atención primaria e, para o 2022, o servizo estará activo na totalidade dos centros de saúde galegos

O centro de saúde dos Mallos foi pioneiro na implantación dunha ferramenta tecnolóxica que resultou protagonista na xestión da pandemia

Sanidade continúa coa implantación dos Plans Locais de Saúde, aos 13 actuais, sumaráselle nas próximas datas o deste centro de saúde coruñés
 

A Coruña, 14 de decembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou esta mañá no centro de saúde Os Mallos da Coruña, o despregue en 2022 do sistema do sistema CRM100, co que o Servizo Galego de Saúde optimiza a xestión dos seus pacientes, e o que lle permitirá resolver o 100% das chamadas perdidas en menos de dúas horas.

No mes de xaneiro, o centro de saúde coruñés foi escollido para levar a cabo a pilotaxe do aplicativo CRM100, unha solución innovadora que permite xestionar, mellorar e avaliar a interacción entre a cidadanía e os profesionais da atención primaria. Na actualidade, o sistema está instalado en 35 centros de saúde e, esta mesma semana, entrará en funcionamento noutros cinco. Durante o presente ano, o centro de saúde dos Mallos recibiu a través desta plataforma tecnolóxica máis de 18.700 chamadas entrantes, o que supón unha media de 72 chamadas ao día, cun tempo medio de resposta inferior aos 25 minutos.

Durante o acto, no que tamén participaron a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Estrella López-Pardo; o delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor; e o xerente da área sanitaria A Coruña-Cee, Luis Verde; o titular da carteira sanitaria da Xunta apuntou que “o obxectivo é que no 2022 este sistema estea xa despregado en toda a comunidade”.

Un aliado na xestión da pandemia

O consellerio de Sanidade cualificou de “moi bos” os resultados que se desprenden destes primeiros meses de actividade do sistema CRM100, así como a súa eficiencia na xestión dos pacientes. Neste senso, apuntou algúns dos rexistrados durante a xestión da actual pandemia sanitaria.

Nomeadamente, as funcións automáticas coas que conta este aplicativo permitiron optimizar a monitorización dos pacientes con covid e dos seus contactos estreitos; o envío de máis de 154.000 enquisas para estudar os síntomas da covid persistente; a citación dos procesos masivos de vacinación -con preto de 181.000 chamadas a teléfonos fixos de cidadáns cuxo télefono móbil non estaba identificado-; ou o lanzamento de campañas de comunicación masivas para actualizar datos ou dar de alta na plataforma É-saúde.

Desde o vindeiro ano, a totalidade dos puntos de atención primaria galegos contarán cunha ferramenta de apoio que lles permitirá ter unha visión xeral dos perfís dos usuarios así como da súa actividade. Ademais, o Servizo Galego de Saúde ampliará as posibilidades que ofrece esta ferramenta tecnolóxica de xestión, estando previsto que sexa empregada como canle para levar a cabo campañas informativas de promoción da saúde, programas de cribado, ou de vacinación, entre outras.

Un Plan Local de Saúde para Os Mallos

A Xunta de Galicia continúa traballar nun novo modelo organizativo e de xestión co ánimo de acadar unha atención primaria máis eficiente. Deste xeito, segue a desenvolver un modelo de atención mixto que conxuga a atención telefónica coa presencial; que integra os servizos de atención primaria e hospitalaria, no que se instauran novas axendas de calidade para todas as categorías profesionais, e onde ademais, se renovará de xeito integral a infraestrutura tecnolóxica do nivel asistencial máis próximo á cidadanía.

Entre as medidas nas que esta a traballar o departamento sanitario da Xunta de Galicia, destaca a elaboración de Plan Locais de Saúde. Unha follas de ruta específicas que arestora xa están a ser implementadas en 14 centros de saúde galegos e que contan cunha cuádrupla meta: mellores resultados en saúde, acadar uns maiores índices de satisfacción entre pacientes, mellorar o benestar dos profesionais e conseguir unha maior eficiencia e sustentabilidade do servizo.

Garcia Comesaña anunciou esta mañá a inminente posta en marcha do Plan de Saúde Local para o centro de saúde do Mallos. Un Plan que lle permitirá gozar dunha maior autonomía de xestión, potenciar a atención comunitaria e a integración dos procesos asistenciais, ademais de contar cunha atención domiciliaria proactiva ás necesidades da poboación.

Neste senso, o conselleiro de Sanidade agradeceu o compromiso e o traballo de todo o equipo de profesionais do centro, os seus pacientes, así como do conxunto de persoal directivo de atención primaria da Área Sanitaria da Coruña, destacando que o seu labor “redundará nunha mellor resposta aos pacientes”.
 

Imaxes relacionadas