Apertura esta semana de novas axudas para fomentar entre particulares, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións o autoconsumo eléctrico e as enerxías renovables

A través dun investimento de 17,2M€, a Xunta espera chegar a 3000 beneficiarios e crear ao redor de 300 empregos

Os apoios contribuirán á redución dos custos enerxéticos nun momento de continua escalada de prezos na factura de fogares e tecido empresarial, ademais de xerar emprego e favorecer unha mellora ambiental no obxectivo de contar cunha Galicia cada vez máis verde

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia abre esta semana o prazo de solicitude de novas liñas de axudas dirixidas ao autoconsumo e enerxías renovables destinadas a particulares, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas. En total, cun orzamento de 17,2M€, o obxectivo é chegar a 3000 beneficiarios e crear ao redor de 300 empregos.

En concreto, aqueles interesados xa poden solicitar os apoios ao autoconsumo eléctrico a partir de proxectos baseados en enerxías renovables, unha liña para a que o Goberno galego destina 11,5 millóns de euros. A intensidade destes apoios, de concorrencia non competitiva –é dicir, por orde de presentación de solicitudes–, varía en función da instalación pero calcúlase que poida permitir aforros nas facturas enerxéticas de 2,6 millóns de euros ao ano e mobilizar 28 millóns.

Por outra parte, mañá mércores, 15 de decembro, tamén se activará a convocatoria para apoiar proxectos de xeotermia e hidrotermia e o xoves 16 abrirase a referida a iniciativas baseadas en aerotermia. Así mesmo, a partir do venres 17 poderán solicitarse os apoios para proxectos de biomasa e enerxía soltar térmica.

Esta liña de axudas de renovables térmicas vai dirixida ao sector residencial e conta cunha dotación de preto de 5,7M€ e, aínda que a intensidade da axuda tamén é moi variable, os apoios poden chegar aos 13.500 euros no caso de instalacións xeotérmicas de circuíto pechado. O obxectivo é mobilizar ao redor de 10 millóns de euros e acadar aforros económicos de 500.000 euros ao ano.

As peticións de axuda presentaranse directamente polo solicitante, agás no caso de persoas físicas que non realicen actividades económicas ou unha comunidade de propietarios, que o farán a través de entidades colaboradoras.

A través destas convocatorias, a Xunta segue a impulsar o uso de enerxías renovables entre todo tipo de usuarios –fogares, empresas e administracións– co obxectivo de avanzar na transición ecolóxica. Así, estes apoios contribuirán á redución dos custos enerxéticos dos beneficiarios, nun momento de continua escalada de prezos na factura da luz que teñen que pagar familias e empresas; ademais da creación de emprego, a reactivación económica e a mellora ambiental que repercute na calidade de vida dos cidadáns.

As convocatorias, financiadas con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, súmanse ás abertas en outubro que, dirixidas a empresas e cun orzamento de 19,8M€, busca fomentar tamén o autoconsumo e o almacenamento enerxético.

Deste xeito, entre as axudas para autoconsumo e fomento das enerxías renovables que se abren esta semana e as liñas que se convocaron en outubro para empresas, a Xunta, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, destina 37 millóns de euros, o que se traducirá nunha mobilización de investimentos público-privados de 98 millóns de euros, aforros económicos de 10 millóns ao ano e a redución de 33.100 toneladas de emisións anuais de CO2 –equivalente a plantar 1.655.000 árbores–.

Imaxes relacionadas