A Sociedade Filharmónica de Lugo conmemora o seu 75º aniversario cun concerto especial patrocinado pola Xunta

A Real Filharmonía de Galicia actúa o próximo venres no Círculo das Artes co director Maximino Zumalave e o contratenor Christinan Gil-Borrelli

Arias felicitou á entidade por contribuír a divulgar a cultura da música clásica na cidade programando nestes anos máis de 700 concertos

Lugo, 14 de decembro de 2021

A Sociedade Filharmónica de Lugo programa para o vindeiro venres un concerto especial patrocinado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para conmemorar o 75º aniversario da súa fundación.

O delegado territorial, Javier Arias, presentou hoxe a actividade na Delegación Territorial da Xunta acompañado polos membros da directiva da entidade José Luis Díaz e Faustino Martín.

Así, o próximo 17 de decembro ás 20.00 horas a Real Filharmonía de Galicia actuará no Salón Rexio do Círculo das Artes baixo a batuta do mestre Maximino Zumalave, director e pianista compostelán, e coa presenza do contratenor Christian Gil-Borrelli. O repertorio que ofrecerán inclúe obras de Beethoven, Haendel, Gluck e Mozart.

Arias felicitou á entidade polo seu “compromiso coa música e co público lugués” e por ter contribuído a “divulgar a cultura da música clásica na cidade programando nestes anos máis de 700 concertos”.

Dentro desta tempada 2021-22, a Filharmónica de Lugo organiza 13 actuacións que se desenvolven desde o pasado setembro ata o vindeiro 7 de maio. As datas e actividades ao completo poden consultarse na súa páxina web.

Imaxes relacionadas