O Sergas publica o modelo definitivo de respostas e as puntuacións provisionais da oposición para o ingreso en 48 categorías de persoal estatutario

Ofértanse un total de 1.311 prazas das cales 996 corresponden a persoal licenciado sanitario e 315 a persoal técnico de formación profesional

Superaron a fase de oposición do proceso 3.538 persoas aspirantes

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, o modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios e as puntuacións provisionais da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso nas categorías de médico de urxencias hospitalarias, médico asistencial do 061, médico de admisión e documentación clínica e 39 especialidades de facultativo de área: alergoloxía, análises clínicas, anatomía patoloxía, anestesioloxía e reanimación, anxioloxía e cirurxía vascular, aparello dixestivo, cardioloxía, cirurxía cardiovascular, cirurxía ortopédica e traumatoloxía, cirurxía torácica, cirurxía xeral e do aparello dixestivo, dermatoloxía médico cirúrxica e venereoloxía, endocrinoloxía e nutrición, farmacia hospitalaria, hematoloxía e hemoterapia, medicina do traballo, medicina física e rehabilitación, medicina intensiva, medicina interna, medicina nuclear, medicina preventiva e saúde pública, microbioloxía e parasitoloxía, nefroloxía, neurocirurxía, neurofisioloxía clínica, neuroloxía, obstetricia e xinecoloxía, oftalmoloxía, oncoloxía médica, otorrinolaringoloxía, pediatría e as súas áreas específicas, pneumoloxía, psicoloxía clínica, psiquiatría, radiodiagnóstico, radiofísica hospitalaria, reumatoloxía, uroloxía e xeriatría.

Ofértanse un total de 1.311 prazas, das cales 996 corresponden a persoal licenciado sanitario e 315 a persoal técnico de formación profesional. Superaron a fase de oposición do proceso 3.538 persoas aspirantes.

Mañá publicarase o modelo definitivo de respostas e as puntuacións provisionais da fase de oposición das categorías de técnico de farmacia, técnico superior de laboratorio de diagnóstico clínico, técnico superior de imaxe para o diagnóstico, técnico superior de hixiene bucodental, técnico superior de anatomía patolóxica e citoloxía e técnico superior de radioterapia.

O modelo definitivo de respostas, con indicación das preguntas anuladas e o seu motivo de anulación así como as puntuacións provisionais obtidas polos aspirantes presentados aos distintos exercicios da fase de oposición atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

As resolucións abren un prazo de cinco días hábiles contados a partir do día seguinte á publicación, para que as persoas interesadas poidan presentar reclamación ante o respectivo tribunal de selección, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.
As reclamacións deberán presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberán dirixirse á sede do tribunal para os efectos de comunicacións, situada na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.
Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os/as aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposiciones@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións.

Próximas actuacións

Rematados os prazos de reclamación previstos en cada unha das resolucións publicaranse, no Diario Oficial de Galicia, as puntuacións definitivas dos distintos exercicios e o acordo de finalización da fase de oposición.

Imaxes relacionadas