A Xunta destaca os avances da investigación en biotecnoloxía mariña do proxecto ´´Bluehuman´´ en prol da economía circular

O director Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou hoxe na clausura do proxecto “BlueHuman”, organizada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, na que se mostraron os resultados do proxecto no ámbito da biotecnoloxía mariña

A iniciativa desenvolveuse desde 2018 por parte de investigadortes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Irlanda, Reino Unido e Francia

A Xunta resaltou o enorme potencial da biotecnoloxía mariña e a súa capacidade para actuar como plataforma de competitividade e modernización en sectores clave como o do mar
 

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2021

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou hoxe a sesión de clausura do proxecto BlueHuman, organizado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial, da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, no que participaron investigadores, empresas e representantes de institucións procedentes dos cinco países integrados no programa Interreg Espazo Atlántico, España, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido.
Na investigación realizada durante o proxecto participaron diferentes universidades, como a Universidade de Vigo, do Minho, do Porto, Irlanda, Bretaña, entre outras, así como a Fundación CETMAR, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal (GNP-AECT), a Axencia Estatal de Investigación o Instituto de Investigacións Mariñas, CSIC, ou a Axencia Galega de Innovación (GAIN), entre outros socios galegos.

O proxecto BlueHuman, cofinanciado por INTERREG Espazo Atlántico cun orzamento total de 2,5 millóns de euros, no que a AECT da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal financiou máis de 112.700 euros representa para Jesús Gamallo “unha boa mostra de como a través da colaboración pódese xerar sinerxias para crear novos produtos sanitarios, máis seguros e eficaces, e de biomoléculas que contribúan a unha mellor calidade de vida da poboación”.

Durante a sua intervención o director xeral destacou “o potencial da biotecnoloxía mariña para crear postos de traballo cualificados na área do Atlántico; producir compostos e produtos biosanitarios, cosméticos e nutricionais de gran valor para a sociedade e contribuír a avanzar cara a unha economía circular´´.


Así mesmo, subliñou a importancia de fomentar novos sectores emerxentes como a biotecnoloxía azul ou o aproveitamento das enerxías mariñas renovables, para lograr promover a valorización dos recursos mariños e os subprodutos pesqueiros do Espazo Atlántico.
O director xeral tamén enfatizou que a Xunta segue apoiando ao sector no deseño dunha nova estratexia que consolide o camiño iniciado pola Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2016-2020. Desde a Comunidade de Traballo da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal, no novo Plan de Investimentos Conxuntos 2021-2027, establécense as diferentes prioridades vinculadas coa biotecnoloxía e o aproveitamento eficiente dos recursos mariños.

INTERREG Espazo Atlántico

INTERREG Espazo Atlántico é un programa de financiamento europeo que promove a cooperación transnacional en 36 rexións atlánticas de cinco países europeos. Cun orzamento total de 185 millóns de euros, sendo 140 millóns do Fondo Europeo de Desarollo Rexional (FEDER), este Programa cofinancia proxectos de cooperación nos campos da Innovación e Competitividade, Eficiencia dos Recursos, Xestión de Riscos Territoriais e, Biodiversidade, Patrimonio Natural e Cultural.

 

Imaxes relacionadas