A Xunta licita o contrato para a sinalización e a divulgación das áreas con risco de inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa

O obxectivo é reforzar a concienciación sobre o risco de asolagamentos na demarcación, incrementando o coñecemento sobre o comportamento natural dos ríos e a influencia das accións dos cidadáns

Afondarase no fenómeno das inundacións e nas medidas para minimizar os seus danos grazas ao Plan de Xestión de Risco de Inundacións impulsado pola Xunta

O servizo inclúe a instalación de paneis informativos en cada zona con risco de asolagamento

Tamén se levarán a cabo accións de formación para escolares das zonas con risco potencial significativo de inundacións, impartíndose obradoiros e desenvolvendo material didáctico específico para este fin

As empresas interesadas en desenvolver este contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 20 de xaneiro

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licita hoxe o servizo para a sinalización das áreas con risco de inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa e para a súa divulgación, cun investimento de máis de 853.000 euros.

As empresas interesadas en desenvolver este contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 20 de xaneiro. Esta actuación contará co cofinanciamento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O obxectivo é reforzar a concienciación sobre o risco de asolagamentos nesta demarcación e, dun xeito específico, naquelas áreas de risco potencial significativo de inundación (ARPSIS), que presentan un maior risco e perigosidade.

Trátase de incrementar o coñecemento sobre o comportamento natural dos ríos e a influencia das accións dos cidadáns.

No marco desta iniciativa afondarase nos fenómenos das inundacións e as medidas para minimizar os seus danos grazas ao Plan de Xestión de Risco de Inundacións impulsado pola Xunta.

Para isto, levaranse a cabo unha campaña específica de sinalización destes puntos e tamén iniciativas de sensibilización dirixidas ao conxunto da cidadanía.

Neste sentido, instalaranse paneis informativos e divulgativos en cada zona inundable, sendo especificamente deseñados para cada área. Ademais, o contrato prevé unha campaña a través de redes sociais e páxinas webs, utilizando diversos recursos audiovisuais e infográficos.

Tamén se levarán a cabo accións de formación para escolares destas zonas con risco de inundacións. Así, impartiranse obradoiros en colexios e desenvolverase material didáctico específico para este fin.

Plan de inundacións

Cómpre lembrar que a Xunta, a través de Augas de Galicia, redacta e revisa cada seis anos a avaliación preliminar do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, e segue a avanzar no traballo para ultimar este ano o novo Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027.

En paralelo, Augas de Galicia está a desenvolver os plans específicos de xestión en 9 zonas fluviais con maior risco de inundacións. Trátase das contornas do río Umia, en Caldas de Reis e Portas; Ulla-Sar, en Padrón, Dodro, Rianxo, Rois, Catoira, Pontecesures e Valga; o Anllóns, en Carballo; Campeda, en Vimianzo; Fontecova e Trasposta, en Viveiro; Bahíña e o propio Groba, en Baiona; así como no Lagares, en Vigo.

Estes plans recollen medidas e actuacións paliativas e preventivas de aplicación polas distintas administracións, Xunta e Concellos, para minimizar o risco de enchentes.