Luis López anuncia a concesión dun Plan de Infraestruturas Rurais para Rodeiro na visita á mellora do camiño da Torre de Guillar

O delegado territorial, Luis López, informa que o municipio de Camba recibirá máis de 48.000€ para unha nova actuación viaria de pavimentación na contorna agrícola da parroquia de Carboentes nunha visita acompañado do alcalde, Rubén Quintá

O Concello de Rodeiro recibiu 520.000€ da Consellería do Medio Rural no último lustro para o acondicionamento de vías en ata catorce núcleos rurais para favorecer a mobilidade e os traballos vencellados ao sector primario

“É fundamental realizar un apoio constante aos concellos rurais para soster as súas infraestruturas viarias, tal e como facemos todos os anos dende a Xunta, xa que nun municipio como Rodeiro son fundamentais para o desenvolvemento da súa economía”, sinala o representante autonómico

Rodeiro, 13 de decembro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, vén de anunciar a concesión dun Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) ao Concello de Rodeiro por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural dotado con 47.398 euros e orientado á mellora de camiños de uso agrícola.
O representante autonómico informou desta nova achega por parte da Consellería do Medio Rural nunha visita de supervisión á vía principal do lugar da Torre, na parroquia de Guillar, que foi reformada de xeito integral ao abeiro do Plan Marco de mellora de acceso a parcelas agrícolas cun investimento de 66.000 euros da Xunta de Galicia.
Luis López, que acudiu acompañado do alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, e do xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, revelou que a nova concesión do PIR a prol do municipio de Camba orientarase á mellora do firme na parroquia de Carboentes, que é a segunda máis poboada do municipio e conta cun forte peso agrogandeiro. Esta actuación xa está contratada e pendente de que se fixe a data de inicio.
“É fundamental realizar un apoio constante aos concellos rurais para soster as súas infraestruturas viarias, tal e como facemos todos os anos dende a Xunta, para mellorar a mobilidade das súas aldeas e parroquias e facilitar os labores agrogandeiros que, no caso dun municipio como Rodeiro, son fundamentais e imprescindibles para a súa economía”, explicou o representante autonómico, que salientou que a Xunta incrementou este ano as dotacións dos plans Marco e PIR para este concello nun 21%.
Deste xeito, o Concello de Rodeiro ten recibido, ao longo do último lustro, 520.000 euros da Consellería do Medio Rural para o acondicionamento das súas vías municipais de carácter rural a través do citado Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas e do Plan de Infraestruturas Rurais.
Con estas achegas, favoreceuse a modernización de ata catorce pistas, moitas delas cun importante tránsito agrogandeiro, pertencentes a máis dunha decena de parroquias ou lugares do termo municipal, como A Ponte, Fornas, Barbeitos, O Carballo, Mourigás, Padín, Vilameá, Lamademena, Suíme, Río, Vistuíde, Mamoelas, Calque ou Carboentes.

Imaxes relacionadas