O Pazo de Quián, situado no concello coruñés de Boqueixón, acollerá o evento esta semana, entre o mércores 15 e o venres 17

A I Mostra de Calidade Alimentaria da Xunta acollerá presentacións, entregas de premios e foros sobre gastronomía galega saudable e dieta atlántica

A inauguración deste evento terá lugar o mércores nun acto que estará presidido polo xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo

Os foros levan por título “come galego”, “come saudable” e “come atlántico” e centraranse, respectivamente, na gastronomía e o turismo, a filosofía “slowfood” e a Dieta Atlántica

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2021

O vindeiro mércores, día 15 de decembro, ás 11,30 horas, arrancará no Pazo Quián, en Sergude (Boqueixón) a I Mostra de Calidade Alimentaria, organizada pola Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, nun acto que estará presidido polo xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo.

Neste marco presentarase a nova campaña institucional do Goberno galego para promocionar a excelencia alimentaria galega, xunto ao mercado dixital oficial no que produtores poderán vender estas producións, establecendo contacto eles mesmos co consumidor. Ademais, no exterior do Pazo de Quián estará presente unha “gastroneta” da Axencia Galega da Calidade Alimentaria que ofrecerá os asistentes unha mostra da calidade alimentaria galega, presentada nunha caixa con diversos produtos da despensa da nosa comunidade.

Por outra banda, esta I Mostra acollerá a entrega dos xa coñecidos premios Exceleite, que supoñen un recoñecemento ás explotacións galegas senlleiras de vacún de leite e avalan a excelencia hixiénico-sanitaria dos produtores de leite cru de vaca, así como os das Catas de Queixos e Meles de Galicia 2021, que galardoan os mellores queixos e meles, entre outras accións. Este evento desenvolverase ata o venres 17 en horario de mañá e tarde, co seguinte programa de actos:

Mércores 15 de decembro
11,30 h.- Inauguración da Mostra
Presentacións:
- Proxecto Buxo (desenvolvemento do Espello do Rural no Pazo de Quián).
- Actividades 2022.
- Marketplace.
- Campaña publicitaria institucional.

16,30 h.- Come galego.
Conferencia e showcooking sobre Ecociña, unha perspectiva turística dos produtos de proximidade e de calidade alimentaria galega, impartida pola directora do Centro Superior de Hostelería de Galicia, Marta Fernández.

17,30 h.- Degustación de produtos con acompañamento musical.

Xoves 16 de decembro
11,00 h.- Entrega de premios Exceleite 2021.

16,30 h.- Come saudable.
Mesa redonda sobre filosofía slowfood: vantaxes dunha materia prima sen procesar, dun produtos de proximidade, da biodiversidade, da menor pegada de carbono, da conservación territorial e cultural.

17,30 h.- Degustación de produtos con acompañamento musical.


Venres 17 de decembro
11,00 h.- Catas de queixos e meles de Galicia 2021.

16,30 h.- Como atlántico.
Conferencia sobre as fortalezas da Dieta Atlántica, a súa adaptabilidade ás diferentes necesidades nutritivas e o seu futuro dentro da promoción dos produtos de calidade alimentaria de Galicia.

17,30 h.- Degustación de produtos con acompañamento musical.

Debido ás restricións pola pandemia, o acceso á Mostra está limitado e será por invitación, malia que todos os actos poderán seguirse por streaming e tamén será posible velos baixo demanda na páxina de Youtube da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Ademais, a través das redes desta mesma Axencia, farase un seguimento estrito de toda a Mostra. As ligazóns ás redes da Axencia Galega da Calidade Alimentaria son as seguintes:

Youtube:
https://www.youtube.com/channel/UCBi4oyX9c52LVRi2xrFfSkw/videos
Instagram:
https://www.instagram.com/experienciasdecalidadegalicia/?hl=es
Facebook:
https://es-es.facebook.com/experienciasdecalidadegalicia/