Luis López recibe aos voluntarios de Protección Civil de Pontevedra, Poio e O Grove galardoados coas Medallas ao Mérito

O delegado territorial celebra un acto de recoñecemento á Asociación Provincial de Protección Civil pola súa medalla de ouro, a Víctor Otero Prol pola medalla de prata e a outros seis voluntarios da provincia por recibir o distintivo de permanencia

O representante autonómico agradece e pon en valor o seu traballo desinteresado e altruísta a prol da sociedade e da cidadanía e destaca “o seu exemplo de solidariedade, esforzo, entrega e vocación de servizo público”

Pontevedra, 13 de decembro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, recibiu este mediodía no edificio administrativo de Campolongo aos voluntarios de Protección Civil da área territorial, pertencentes ás agrupacións de Pontevedra, Poio e O Grove, que foron galardoados recentemente coas Medallas ao Mérito nun acto celebrado na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) na Estrada.
Deste xeito, o representante autonómico, acompañado polo xefe provincial de Emerxencias, Miguel Ángel Pérez Dubois, quixo ter un acto de recoñecemento coa Asociación Provincial de Protección Civil, representada pola súa vicepresidenta, Katia González, pola medalla de ouro concedida e co voluntario Víctor Otero Prol, que recibiu a medalla de prata no acto presidido hai dúas semanas polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Así mesmo, tamén se recoñeceu este mediodía o traballo dos voluntarios que recibiron o distintivo de permanencia e que foron Manuel Pena Souto, Juan López Álvarez e Hermenegildo Rodríguez Novoa, da agrupación de Pontevedra; José Antonio Fraga Pérez, Amador Mariño Mascato e o citado Víctor Otero Prol, pertencentes á do Grove; e Víctor Manuel Lores Pérez, da entidade de Poio, que acudiu acompañado da concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas.
Luis López, que lles fixo entrega dun pequeno obsequio do Xacobeo 2021-2022 no sinxelo acto celebrado no salón de actos, quixo agradecer e poñer en valor o seu traballo altruísta e desinteresado a prol da sociedade e da cidadanía e destacou “o seu exemplo de solidariedade, esforzo, entrega e vocación de servizo público que merece todos os nosos recoñecementos”.

Imaxes relacionadas