A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou das intervencións previstas neste treito de 1,9 km entre a zona da glorieta do Gordo e a intersección de acceso ao colexio de Tirán

A Xunta licita as obras de eliminación dun treito de concentración de accidentes na estrada PO-551 en Coiro e Tirán, nos concellos de Cangas e Moaña, que suporán un investimento de 1,1 M€

Vázquez Mourelle avanza que a previsión é comezar os traballos na vindeira primavera para telos rematados en 2022, xa que teñen un prazo de execución de 6 meses

Explica que se vai ampliar a estrada e actuar en 5 interseccións para incrementar a seguridade, mellorando as beirarrúas en 3 treitos e as paradas de bus, ademais de ordenar aparcadoiros e mellorar pasos de peóns, dotando 3 con equipamento intelixente

Cangas (Pontevedra), 13 de decembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación das obras de eliminación dun treito de concentración de accidentes na estrada PO-551 en Coiro e Tirán, nos concellos de Cangas e Moaña, que suporán un investimento global da Xunta de 1,1 M€, tendo en conta o pagamento das expropiacións e os servizos necesarios para a execución dos traballos.

Vázquez Mourelle presentou hoxe esta nova actuación de reforzo da seguridade viaria nesta estrada autonómica, no treito de 1,9 km entre a saída da travesía de Cangas, na zona da glorieta do Gordo, e a intersección de acceso ao colexio de Tirán, xa en Moaña. Esta intervención enmárcase na Estratexia para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes nas estradas de titularidade autonómica que está a desenvolver a Xunta cun investimento de máis de 15 M€.

Trátase dunha actuación integral e moi demandada que favorecerá os desprazamentos diarios dos veciños e que se licita hoxe por importe de 922.000 €. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 10 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

Tamén en xaneiro, os días 12, 13 e 14, están convocados os propietarios dos 46 predios necesarios para a execución das obras, para o levantamento das actas de ocupación.

Ethel Vázquez avanzou que o obxectivo da Xunta é iniciar os traballos na primavera, en torno ao mes de abril, e telos rematados ese mesmo ano, en 2022, xa que teñen un prazo de execución de 6 meses.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade explicou que as obras proxectadas neste treito da PO-551 permitirán ampliar a estrada e actuar en 5 interseccións para incrementar a seguridade, mellorando as beirarrúas en 3 treitos e as paradas de autobús para facilitar os desprazamentos a pé e facer máis cómoda á espera do transporte público. Ademais, ordenaranse os aparcadoiros e melloraranse os pasos de peóns, dotando 3 con equipamento intelixente.

Concretou que en Cangas, na parroquia de Coiro, se executará unha nova beirarrúa de 2 metros de ancho na marxe dereita da estrada, para dar continuidade á que xa hai na saída do núcleo e enlazar coa actual da rotonda do Gordo. Ademais, habilitarase outro treito de beirarrúa pola marxe esquerda noutro punto e mellorarase unha intersección, a do cruzamento de Santo Domingo, coa execución de cuñas de entrada e saída, a dotación de beirarrúas e a disposición de paradas de autobús en ambos os dous sentidos.

Precisou que en Moaña a actuación na PO-551, ao seu paso pola parroquia de Tirán, comprende a execución dunha nova glorieta xunto ao Lidl, de 28 metros de diámetro, con 2 carrís de 4 metros e o acondicionamento da súa contorna: instalaranse pasos de peóns intelixentes, dotados con detectores de presenza, trasladaranse as paradas de autobús e renovarase a ampliarase a beirarrúa esquerda.

Tamén se actuará noutras 2 interseccións: na do cruzamento de Castroviejo, coa disposición de cuñas para a incorporación e saída da estrada; e modificarase a existente na marxe esquerda, no punto quilométrico 22+810, para garantir maior seguridade nas manobras e favorecer o acceso á parada de bus. No treito situado entre os puntos 22+880-22+920 ampliarase a sección da marxe dereita para ter unha parada, beirarrúa e zona para os contedores de lixo.

Ethel Vázquez salientou, entre as actuacións nesta contorna, a mellora da intersección de acceso ao CEIP de Tirán, coa que se atende as achegas presentadas ao proxecto inicial: ampliaranse as dimensións do cambio de sentido, habilitarase un carril de espera e melloraranse as condicións de seguridade dos peóns, dispoñendo beirarrúas para mellora a seguridade do itinerario peonil escolar, de 2 metros de ancho en ambas as dúas marxes.

Segundo abundou, a Xunta atendeu boa parte das propostas dos veciños a este proxecto, sempre tendo como premisa última a mellora da seguridade viaria na PO-551, principalmente en Tirán, adaptándoo na medida do posible á recuperación do Camiño Real.

A conselleira destacou que a Xunta continúa coa súa aposta pola mellora da seguridade viaria e pola mobilidade desta comarca do Morrazo. En materia de estradas, referiuse ás melloras nas vías da Xunta de acordo co planificado, tras a posta en servizo da autovía do Morrazo. Citou as obras, executadas e en execución, que supoñen máis de 8 quilómetros de novas sendas nas vías autonómicas, e 3 actuacións en marcha de mellora da seguridade viaria, que suman máis de 7,5 M€ de investimento.

A conselleira tamén apuntou á grande aposta realizada no eido do transporte público coa modernización das liñas e iniciativas como a tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 viaxan gratis; ou as obras de reforma da estación de autobuses de Cangas para potenciar a intermodalidade entre o barco e o autobús, licitada recentemente.

Imaxes relacionadas