O Sergas publica as listas de admitidos no concurso-oposición para o acceso a 24 categorías de persoal estatutario

Resultan admitidas 13.079 solicitudes de participación, para cubrir un total de 680 prazas

A categoría co maior número de inscricións é a de pinche, con 5.469 solicitudes

Está previsto que os exercicios da fase de oposición se realicen no segundo trimestre de 2022.
 

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, as Resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde polas que se aproban as listas definitivas de admitidos e excluídos nos procesos selectivos para o acceso a 24 categorías de persoal estatutario.
Nomeadamente, nas categorías de cociñeiro, logopeda, pinche (acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral), pinche e persoal técnico de farmacia en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, telefonista e terapeuta ocupacional, así como as listas provisionais de admitidos e excluídos das categorías de calefactor, condutor, costureiro, electricista, persoal facultativo de área das especialidades de cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía pediátrica, cirurxía plástica, estética e reparadora, inmunoloxía e oncoloxía radioterápica, fontaneiro, lavandeiro, mecánico, pasador de ferro, técnico especialista, superior e de xestión de sistemas e tecnoloxías da información e traballador social.
Así mesmo publícase a relación de aspirantes exentos da realización do exercicio de lingua galega en cada categoría.
O 18,2% das persoas aspirantes inscritas deberán realizar a proba de lingua galega, ao non resultar exentas de dito exercicio, por non estar en posesión do Celga ou certificado equivalente acreditativo do coñecemento do idioma galego.
Exercen o seu dereito á promoción interna, solicitando a participación por esta quenda de acceso, un total de 254 persoas, todas elas profesionais do Servizo Galego de Saúde, con vinculación fixa noutra categoría profesional, do mesmo ou inferior nivel de titulación. Tamén resultaron admitidas un total de 994 persoas aspirantes pola quenda de acceso de discapacidade; 175 das cales, polo sistema reservado a persoas con discapacidade intelectual.
O 63% das persoas admitidas son mulleres e o 69% teñen idades comprendidas entre os 35 e 55 anos. O 2% das persoas admitidas proceden de fóra da Comunidade Autónoma.
As listas de admitidos e excluídos, con indicación do motivo de exclusión, e os declarados exentos e non exentos da realización do exercicio de lingua galega, poderán consultarse na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
O Sergas habilita o seguinte enderezo de correo electrónico para que as persoas aspirantes poidan dirixir as consultas e dúbidas relacionadas con este proceso: oposicions@sergas.es.
 

Imaxes relacionadas