A Xunta inviste 105.000 euros na mellora de dotacións do Concello de Baleira

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que se destinaron á pavimentación dun camiño que comunica con Baralla, o saneamento de Martín e a adquisición dun vehículo

Baleira (Lugo), 13 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia investiu nos últimos meses máis de 105.000 euros na mellora de dotacións do municipio de Baleira a través de actuacións da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado dalgunhas das obras realizadas xunto co alcalde, Ángel Enrique Martínez Puga, e explicou que o financiamento vai destinado ás obras no camiño entre Vilarín de Córneas e Biduedo (Baralla), á adquisición dun vehículo e á mellora do saneamento en Martín.

Esta última intervención serviu para conectar a todas as vivendas ao sistema de alcantarillado, acondicionar a canalización das augas de escorrentía pluviais e reparar o firme, especialmente nas zonas nas que estaba deteriorado pola acción das choivas.

Entre outros traballos, instalouse a tubaxe de acometida ás casas e pozos de rexistro e executouse un novo pavimento de formigón cun espesor de 10 centímetros e cos bombeos e inclinacións necesarios para garantir o desaugue correcto cara á rede de saneamento a través dos sumidoiros.

O vehículo adquirido tamén será destinado ao servizo de augas do concello, para realizar o traballo de forma máis eficiente. É un modelo tipo Pick Up, con cabina de cinco prazas e remolque, que se utilizará en xeral como apoio en actuacións medioambientais.

No que respecta ás obras no camiño entre Vilarín de Córneas e Biduedo -promovidas polos dous concellos implicados-, consistiron no acondicionamento do pavimento co estendido dunha capa de mestura asfáltica en quente, previa regularización do firme. A pista mide 715 metros de lonxitude, cunha anchura de 3,80 metros, e conta cun ramal de 195 metros no que tamén se actuou.

Arias destacou a colaboración do Goberno galego cos concellos rurais “para mellorar o nivel de servizos e ampliar as infraestruturas, establecendo condicións de vida e de traballo que axuden a fixar poboación e xerar emprego”.

Imaxes relacionadas