A Xunta alleará 19 lotes de madeira de 17.000 toneladas por preto de 300.000 euros nunha próxima poxa pública electrónica en Pontevedra

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se fai pública a convocatoria desta poxa telemática, que ten previsto celebrarse o 31 de xaneiro do ano vindeiro na xefatura territorial da Consellería do Medio Rural en Pontevedra

Cómpre destacar que 14 dos lotes que se allearán contan con certificación forestal sostible PEFC e un máis con dobre certificación PEFC e FSC, os dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, adxudicará 19 lotes de madeira por un valor próximo aos 300.000 euros na próxima poxa pública electrónica de madeira, que se celebrará o 31 de xaneiro do 2022 na xefatura territorial da Consellería en Pontevedra. Así se recolle na resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, pola que se fai pública a convocatoria mediante procedemento aberto con criterio único (prezo) para este alleamento de madeiras.
A totalidade dos lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión coa Consellería. En total, suman 17.000 toneladas de madeira de piñeiro do país e eucalipto branco, xunto con cantidades menores doutras especies. Isto tradúcese nunha absorción de CO² de máis de 11.000 toneladas que foron retiradas da atmosfera durante a vida destas árbores, que agora serán substituídas por novos pés que continuarán absorbendo este gas de efecto invernadoiro.
A maiores, cómpre resaltar que 14 lotes contan con certificación forestal sostible PEFC e un máis con dobre certificación PEFC e FSC, cumprindo así cando menos os requisitos dun dos dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial. Ademais, as empresas que opten aos lotes certificados deben dispor tamén dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira. A certificación forestal sostible garante -ao máximo nivel- que a xestión dos bosques dos que provén esta madeira é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.
Cabe lembrar que -como no caso das poxa electrónicas de madeira celebradas anteriormente- os licitadores realizarán todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto as empresas participantes na poxa como todo aquel que o desexe poderán seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto.
O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato pdf os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.
A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no seguinte enderezo do portal web da Consellería do Medio Rural: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/poxas

Compromiso da Xunta

Con estas poxas electrónicas, a Xunta amosa o seu compromiso para seguir traballando cos axentes do sector forestal na construción de ferramentas dixitais que faciliten a súa actividade económica. Así mesmo, a iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.
Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back better” BBB).

Enlace á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211213/AnuncioG0426-201021-0002_gl.html