A Liga Galega de Traíñas asinará coa Xunta un novo convenio que sobe un 5% e representa a contía máis elevada do último decenio

A organización da LGT masculina e feminina alcanzará un importe máximo de 115.000 euros, sendo 110.000 euros o consignado en 2020

Santiago, 12 de decembro de 2021

O Consello da Xunta autorizou este venres a sinatura do convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e a Asociación Liga Noroeste con motivo da organización da Liga Galega de Traiñeiras masculina e feminina da tempada 2022 que neste ano alcanzará un importe de 115.000 euros, o que representa unha subida do 5% con respecto ao consignado en 2021 cando se destinaron 110.000 euros e a contía máis elevada do último decenio nos convenios asinados coa Xunta.

A Asociación Liga Noroeste é a responsable da organización da Liga Galega de Traiñeiras, que tanto na categoría masculina como na feminina é a competición desta modalidade de remo que aglutina todos os clubs que participan nesta actividade en augas galegas.

Deste xeito, o obxecto do convenio autorizado hoxe é establecer os mecanismos de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e a Asociación Liga Noroeste para a organización e desenvolvemento da Liga Galega de Traiñeiras correspondente a tempada 2022.

Con este convenio a Secretaría xeral para o Deporte colaborará cos gastos ocasionados con motivo da realización dos seus respectivos programas de promoción deportiva, no ano 2022, coa fin de fomentar o deporte e a actividade física saudable no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, colaborando así no desenvolvemento do sistema deportivo galego.

Na tempada 2021 que vén de rematar, un total de 31 clubs competiron na Liga Galega de Traiñeiras o que significou un incremento importante do 40% con respecto a 2020, ano no que participaron 22. Os 31 participantes de 2021 é a maior cifra histórica de participantes na LGT e estiveron repartidos do seguinte xeito: doce deles na Liga Masculina A: SD Samertolameu, CR Vilaxoán, CM Bueu-Teccarsa, CR Cabo de Cruz, CR Mecos, AD Esteirana, CR Rianxo, CR Muros, CR Puebla, CCD Cesantes e CE Salgado-Perillo; once na Liga Masculina B: CR Narón, CR Chapela, CM Castropol, CR Cedeira, CM Mugardos, CR A Cabana-Ferrol, Amegrove CR, CR Virxe da Guía, CR Vila de Cangas, SD Samertolameu B e CR Puebla B; e oito na Liga Feminina: CR Cabo de Cruz, SD Tirán, CR Salgado-Perillo, CR Chapela, CR Rianxo, CRN Riveira, CR Puebla e CM Mugardos.

Agárdase que para a LGT de 2022 se acaden, alomenos, o mesmo número de participantes que en 2021, o que sería todo un éxito.

Ata o día 10 de xaneiro do vindeiro ano, unha vez realizadas as preinscricións na Liga Galega de Traiñeiras, non se coñecerán os equipos participantes na tempada 2022.
 

Imaxes relacionadas