Matías G. Rodríguez-Mouriño, gañador da IV Edición do Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea

O seu traballo O menor: procesos a-significantes na arte contemporánea foi elixido polo xurado por unanimidade dun total de sete candidaturas

A Xunta de Galicia creou en 2018 este galardón para promover a creación ensaística en lingua galega neste ámbito

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2021

O investigador pontevedrés Matías G. Rodríguez-Mouriño resultou gañador do IV Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea polo orixinal O menor: procesos a-significantes na arte contemporánea. O xurado do galardón, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), elixiu este traballo por unanimidade dun total de sete candidaturas de temática diversa.

Trátase dun excurso filosófico a través dos procesos a-significantes na contemporaneidade, con exemplos tomados das artes plásticas, da música, da literatura e das artes visuais. O autor preocúpase por aquilo que, alén dos significados, emerxe baixo as obras de arte e as converte en inmarcescibles, de xeito que perduran sen perder a súa forza.

Matías G. Rodríguez-Mouriño é historiador da Arte e doutor en Filosofía. As súas publicacións e intereses móvense no contexto dos sound studies e da estética contemporánea, con especial atención ao estudo da paisaxe sonora, da arte sonora e da cidade. É especialista na obra de Félix Guattari, sobre cuxa estética escribiu a súa tese de doutoramento, e participou en seminarios e congresos en numerosos países, ademais de dirixir encontros científicos na Universidade de Santiago de Compostela e no propio Centro Galego de Arte Contemporánea.

Cómpre sinalar tamén as súas traducións ao castelán de Notas sobre la cabaña, de Gilles A. Tiberghien, e de El posanarquismo explicado a mi abuela: el principio de Gulliver, de Michel Onfray, ambas para a editorial Biblioteca Nueva. Ademais, editou o volume Novas narrativas na historia da arte contemporánea (USC, 2020), xunto con Agar Ledo, Daniel L. Abel e Miguel Anxo Rodríguez.

Apoio ao ensaio galego na cultura contemporánea

O Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea foi creado pola Xunta de Galicia en 2018 co obxectivo de promover a creación ensaística en lingua galega no ámbito das artes e a cultura contemporánea. Os textos premiados forman a nova colección CGAC Ensaio, na que xa se editou o primeiro traballo galardoado, A arte está feita dunha materia incerta e fragmentaria, do ourensán Rosendo Cid. Este ano publicarase Tigres en magnolias. A maxia como transformación na arte contemporánea, da viguesa María Marco Covelo, premiada en 2019.

Na pasada edición 2020, o recoñecemento foi para a historiadora da arte e investigadora Laura Calvo Gens, do concello coruñés de Rois, polo ensaio Memoria do azul. A afección monocroma do contemporáneo.