A Xunta recibe 12 ofertas para executar unha senda peonil na estrada PO-549 no lugar de Corón, en Vilanova de Arousa, que suporá un investimento de 1,1 M€

A actuación permitirá reforzar a seguridade viaria desta vía autonómica que conecta Vilanova e Vilagarcía de Arousa, regulando os espazos diferenciados para vehículos e para peóns

Trátase de regular e establecer o uso de diferentes espazos, reforzando a seguridade viaria neste treito da vía autonómica que comunica os concellos de Vilanova e Vilagarcía de Arousa, facilitando a interacción harmónica entre peóns e vehículos

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2021

A Xunta recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar as obras de construción dunha senda peonil na estrada PO-549 ao seu paso polo lugar de Corón, no concello de Vilanova de Arousa, que suporá un investimento autonómico de 1,1 millóns de euros.

Esta actuación, que está orientada a mellorar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade peonil nesa zona, desenvolverase durante o vindeiro ano 2022 cun prazo de execución de 9 meses.

As obras no treito da vía que comunica os concellos de Vilanova e de Vilagarcía de Arousa teñen como obxectivo regular e establecer o uso de diferentes espazos, reforzando a seguridade viaria e facilitando unha interacción harmónica e respectuosa entre peóns e vehículos. A actuación é susceptible de financiación a través dos fondos React UE.

Este treito da estrada PO-549 presenta unha urbanización irregular, con zonas con beirarrúas e outras sen elas, e mesmo tramos nos que as beiravías son empregadas de xeito frecuente como aparcadoiro.

O proxecto obxecto deste contrato recolle, como principais actuacións, a construción dunha senda peonil á marxe da estrada, dotación de prazas de estacionamento, estreitamento dos carrís e extensión dunha capa de rodadura en toda a plataforma da vía na zona de actuación.

Ademais, construiranse ou renovaranse 3,27 quilómetros de beirarrúas, que unirán e completarán treitos xa existentes, cunha sección tipo de 1,80 metros de ancho variable, reducíndose a 1,20 metros alí onde non exista espazo suficiente.
Tamén se acometerán outras actuacións complementarias centradas no reforzo da seguridade viaria, como a reubicación e mellora da protección de pasos de peóns para facelos máis visibles, ou a reordenación dos aparcadoiros.

A intervención inclúe a reposición e prolongación da actual canalización de abastecemento ao longo dos treitos. Nos accesos ás vivendas e nas entradas ás fincas rebaixaranse os bordos.

Esta actuación da Xunta vén completar os treitos de sendas ou de beirarrúas xa executados recentemente nesta mesma estrada, en Deiro. Deste xeito, ao remate da actuación disporase dun itinerario continuo ao longo da PO-549 para desprazarase a pé de modo seguro entre Cambados, Vilanova e Vilagarcía de Arousa, e tamén coa Illa de Arousa a través da senda en execución na PO-307, o que suporá beneficiar a unha poboación de 70.000 persoas.