Galicia consulta ao tecido empresarial para coñecer as súas propostas antes de convocar as axudas para novos centros de fabricación avanzada

A invitación da Xunta está dirixida a empresas e operadores económicos que aspiren a activar fábricas compartidas, centros loxísticos e de fabricación avanzada ou espazos especializados para modernizar e desenvolver a base industrial da zona na que se sitúen, con especial énfase na sustentabilidade

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación busca facilitar as condicións para que os interesados propoñan proxectos concertados, como parte do deseño dunha liña de axudas que se activará proximamente a través do Igape ao abeiro da Axenda Industria 4.0

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2021

Con motivo da nova consulta programada pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, para coñecer a demanda de espazos industriais compartidos entre o tecido produtivo galego, a Xunta vén de abrir o prazo para que os operadores económicos interesados poidan comunicar as súas propostas de proxectos que poderían impulsarse e de suxestións sobre o futuro marco de apoios a este tipo de infraestruturas industriais.

Así, as empresas e demais entidades interesadas que aspiren a activar fábricas compartidas, centros loxísticos e de fabricación avanzada e espazos industriais especializados, poderán presentar ideas ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) ata o vindeiro 10 de xaneiro–.

Mediante esta iniciativa, a Xunta pretende desenvolver liñas de axuda que permitan impulsar este tipo de centros e instalacións colaborativas, ao tempo que se optimiza o deseño dunha nova liña de axuda no marco da Axenda Industria 4.0, que promove a presenza de infraestruturas axeitadas como un dos factores determinantes da mellora da competitividade das pemes galegas. De feito, este tipo de infraestruturas abertas a pequenas e medianas empresas e autónomos supoñen unha oportunidade para contar con servizos aos que non poden ter acceso de xeito habitual.

Unha vez rematado o prazo de presentación de manifestacións de interese, a Xunta analizará as ideas presentadas e deseñará as bases reguladoras do programa, que contará cun orzamento aproximado de 10M€. A invitación é aberta e diríxese a empresas de todos os tamaños e outros operadores económicos interesados en promover infraestruturas colaborativas de apoio industrial en Galicia que contribúan a modernizar e desenvolver a base industrial da zona na que se establezan, con especial énfase na sustentabilidade.

Sete proxectos impulsados

Cómpre destacar que a primeira consulta deste tipo tivo como resultado 26 manifestacións de interese válidas, que permitiron deseñar unha convocatoria axustada ás necesidades reais da industria galega. A posterior liña de axudas que se lanzou deu lugar a sete proxectos que atinxen a ámbitos e sectores industriais diversos como as TIC, o biotecnolóxico, a loxística, o turismo ou o agroalimentario.

En concreto, a Xunta achega 4,82M€ para desenvolver un centro de servizos avanzados na Cidade das TIC da Coruña que contará con catro laboratorios para a realización de probas e o aloxamento de empresas do sector. Ademais, o Goberno galego destina 4,3M€ ao centro loxístico da Automoción no Porriño para a realización de actividades de formación, demostración e experimentación sobre operacións reais no eido da automoción pero tamén no alimentario e o naval.

O centro biotecnolóxico do Tambre recibiu unha axuda de máis de 4M€ para prover ao sector de laboratorios para actividades de I+D+i, equipamento compartido e instalacións de uso común. A cuarta infraestrutura é o Centro galego de tratamentos térmicos do aceiro que, cun apoio de 2M€, estará situado en Narón co obxectivo de facilitar a realización de máis traballos con este material, como a reparación de buques. No eido do turismo e a innovación, impulsouse con 370.000 euros o Centro de Servizos Avanzados Galicia TurisTIC en Vilagarcía de Arousa.

Finalmente, apoiouse a planta piloto de Inleit en Curtis con 2,4M€ para a síntese de proteínas e subprodutos lácteos de alta calidade e concedéronse 2,5M€ á Agrupación de Cooperativas Lácteas (Acolat), en Caldas de Reis e pertencente a Clesa, para impulsar un centro de fabricación avanzado de lácteos de alto valor engadido.

Imaxes relacionadas