A Xunta licita por case 160.000 € as obras de urbanización dun espazo público en Parada de Sil

A actuación urbanística, que se enmarca nos obxectivos do plan Hurbe, incluirá a creación dunha área de aparcadoiro e zonas verdes con mobiliario e servizos urbanos

É un dos proxectos da Consellería de Medio Ambiente incluídos no Plan de acción estratéxico da Ribeira Sacra co que se está dinamizar a zona e impulsando o ‘fermosismo’ das súas paisaxes

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia licita por case 160.000 euros as obras de urbanización e mellora dun espazo público en Parada de Sil.

Esta actuación execútase ao abeiro dun convenio de colaboración asinado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Francisco Magide, no que se fixan os termos da cooperación técnica e económica entre ambas administracións para levar a cabo as obras.

A intervención centrarase nun solar de forma irregular localizado no lugar de Parada de Sil e cunha superficie de algo máis de 2.100 m2. A urbanización consistirá na creación dunha área de aparcadoiro con pavimento acorde co ámbito rural no que se encadra —concretamente, sábrego de cemento, lousa e lastro de granito—, rodeada de zonas verdes con mobiliario e outros servizos urbanos.

As obras, cun prazo estimado de execución de catro meses, requirirán traballos de roza así como de escavación e nivelación sobre o terreo antes de comezar as actuacións previstas sobre o pavimento e os bordos, os labores de xardinería e a instalación de bancos, papeleiras, fontes de granito e carteis informativos de pino, entre outros.

Co orzamento de preto de 160.000 euros, dos cales o 70% será achegado pola Consellería e o 30% restante polo Goberno municipal, o convenio enmárcase nos obxectivos do chamado plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai máis dunha década para axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de infraestruturas de uso público e colectivo.

Neste sentido, cómpre subliñar o compromiso do Goberno galego á hora de brindar apoio aos concellos co fin de promover actuacións que, como a proxectada en Parada de Sil, contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida dos veciños. Por esta razón, a Consellería manterá esta liña de cooperación cos concellos tamén en 2022, reservando nos seus orzamentos 7 millóns de euros para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.

Plan de acción estratéxico da Ribeira Sacra

Ademais, esta actuación está recollida no Plan de acción estratéxico da Ribeira Sacra, impulsado pola Consellería, en colaboración cos 30 concellos beneficiarios das provincias de Lugo e Ourense, para fortalecer ferramentas como a definición dun instrumento de ordenación territorial, a integración de medidas de protección dos valores naturais e o desenvolvemento de accións de rehabilitación en materia de vivenda.

Esta actuación é, polo tanto, unha das medidas previstas no plan que xa están en marcha —máis do 90%- e ás que se dedican 4,5 millóns de euros, para impulsar o fermosismo característico e inigualable desta zona de Galicia, así como a súa capacidade como vector económico e de desenvolvemento sostible.

Imaxes relacionadas