A conselleira de Política Social participou na celebración deste evento, que tivo lugar no Pazo de San Lourenzo

Fabiola García sinalou que a sociedade galega volve brillar pola súa solidariedade na decimoquinta Gala da Fundación Andrea

Destacou que durante o último ano o labor desta entidade continuou e permitiu atender a 400 familias, o que supón unha cifra récord

Puxo en valor que os seus servizos permiten manter o sorriso das nenas e nenos que se atopan en hospitalizacións de longa duración e dar atención aos seus familiares
 

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que a solidariedade da sociedade galega volveu brillar na decimoquinta Gala da Fundación Andrea. Durante a súa intervención destacou que esta entidade “permite manter vivo o espírito do Nadal os 365 días do ano” para centos de familias con fillos en hospitalizacións de longa duración.

Fabiola García lembrou que o ano pasado foi necesario renunciar a moitas reunións e encontros propios destas datas como a tradicional Gala anual da Fundación Andrea. Con todo, apuntou que esta entidade seguiu traballando para seguir agasallando cariño a máis de 400 familias de toda Galicia, a cifra más alta da súa historia.

Neste sentido, grazas ao labor da Fundación Andrea os hospitais galegos seguiron ofrecendo espazos humanizados para que os máis pequenos non perderan o sorriso neses momentos tan complicados. Así mesmo, tamén permitiron que os familiares recibiran atención psicolóxica ou aloxamento que lles axudase a levar mellor esta situación.

A conselleira agradeceu a esta entidade o seu labor e por “transformar todo o que toca en esperanza e optimismo”. Por este motivo, destacou que o Goberno galego seguirá colaborando coas súas accións para seguir levando esa solidariedade cada día a máis xente.
 

Imaxes relacionadas