A Xunta financiará a posta en marcha de actividades no centro de día e de prevención integral á dependencia do Pereiro de Aguiar

O Goberno galego buscará a fórmula para colaborar con este servizo impulsado e construído polo Concello

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, reuniuse esta semana co alcalde do Pereiro de Aguiar, Luis Menor, para buscar vías de colaboración que permitan a posta en funcionamento do futuro centro de día e de atención integral á dependencia da localidade. O inmoble foi impulsado e construído polo Concello.

O Goberno galego explorará as vías para financiar un programa de actividades deseñado para que as persoas maiores poidan manter un ritmo de vida activo, conten con terapias adaptadas ás súas necesidades e se poida previr un maior deterioro físico e cognitivo. A conselleira destacou durante o encontro a importancia de contar cun servizo destas características para que os veciños poidan recibir atención especializada.

O futuro centro de día do Pereiro de Aguiar será o primeiro deste concello, polo que se trata dun servizo moi agardado e demandado. Ademais de achegar coidados ás persoas maiores da zona, permitirá impulsar un respiro para os familiares coidadores e a creación de emprego nun sector coma o dos coidados.
 

Imaxes relacionadas