A Xunta destina 2,5 millóns para fortalecer o papel dos clústeres como impulsores da competitividade do tecido empresarial galego

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, abre o prazo de solicitude desta nova convocatoria que facilitará o impulso tecnolóxico, a innovación e a captación de novas empresas mediante o fortalecemento das agrupacións sectoriais

As entidades desenvolverán plans de formación e actividades orientadas ao fomento da dixitalización e a internacionalización do tecido produtivo galego, cunha previsión de mobilización de 5 millóns de euros

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia abre hoxe o prazo de solicitudes dunha nova liña específica de axudas que, dotada con 2,5 millóns de euros, ten como obxectivo reforzar a actividade dos clústeres galegos no seu impulso á competitividade do tecido empresarial, en particular das pemes.

A iniciativa, desenvolvida pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), aspira a fortalecer as agrupacións empresariais innovadoras e os clústeres galegos consolidados que, cunha previsión de mobilización de 5 millóns de euros, poñerán en marcha tanto plans de formación como actividades orientadas ao fomento da dixitalización e a internacionalización do tecido produtivo da nosa Comunidade.

Deste xeito, as axudas contribuirán a consolidar os clústeres galegos para que sigan mobilizando recursos e proxectos e reforcen o seu papel activo á hora de definir estratexias cooperativas nos diversos ámbitos de desenvolvemento tecnolóxico.

Neste sentido, a convocatoria, publicada onte no Diario Oficial de Galicia (DOG), apoia o papel destas organizacións como pancas de difusión e pezas estratéxicas no impulso de proxectos innovadores, dando soporte á transformación dixital das compañías do seu ámbito de influencia, especialmente ás pequenas e medianas empresas.

Ao mesmo tempo, a liña de axudas reforzará o papel dinamizador dos clústeres na actividade económica de Galicia, xa que os sectores produtivos representados por estas entidades acadan algo máis do 75% do PIB de Galicia e, en termos similares, do nivel de emprego e exportacións galegas.

O procedemento de concesión dos apoios farase polo réxime de concorrencia competitiva. Na avaliación dos proxectos teranse en conta, entre outros criterios, o impacto socioeconómico da iniciativa apoiada, o grao de representatividade do clúster no sector correspondente e a importancia do ámbito produtivo para Galicia, ademais do de vinculación cos obxectivos da Axenda Industria 4.0.

Clústeres de creación recente

Esta iniciativa dá continuidade ás convocatorias realizadas ata o de agora neste eido, ás cales se destinaron preto de 8 millóns, ao tempo que complementa outras accións de fomento do asociacionismo empresarial, entre as que destaca a liña específica de axudas á actividade dos novos clústeres galegos.

Dotada con 500.000 euros, a liña está a fortalecer os clústeres galegos de creación recente -Viratec: Tecnoloxías ambientais; Clúster da Biomasa; e Clúster do Deporte-, permitíndolles mobilizar recursos e reforzando o seu papel activo na definición de estratexias cooperativas nos diversos ámbitos de desenvolvemento tecnolóxico.

Mediante este programa, os novos clústeres están a poñer en marcha plans estratéxicos e proxectos orientados ao fomento da dixitalización, a innovación e a internacionalización do tecido produtivo. As axudas dan soporte así ao papel dinamizador que estas entidades teñen na mellora competitivida e no impulso da actividade económica de Galicia.