A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, trasládalle á ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, a análise que estima en 3,2 M€ o investimento necesario para activar estes descontos nas peaxes

A Xunta remítelle ao Goberno de España o estudo sobre a aplicación na autoestrada estatal AP-53 das mesmas bonificacións que na AP-9

O Goberno galego cumpre o acordado cos alcaldes dos concellos da traza da autoestrada que une Santiago e Ourense sobre a realización do estudo e o seu traslado ao Ministerio de Transportes para a súa consideración

Vázquez Mourelle solicita ao Goberno sensibilidade para atender esta demanda social, habilitando a partida que permita activar os descontos en 2022

Detalla que a proposta recolle a gratuidade da volta para os vehículos lixeiros que fagan o regreso en 24 horas; a redución dun 20% adicional para os que fagan polo menos 20 desprazamentos ao mes; e do 20% para os vehículos pesados

Subliña que a aplicación destas bonificacións suporían reforzar a competitividade do territorio e incrementar a seguridade viaria

Un veciño de Lalín que realice 25 viaxes ao mes a Santiago acadaría aforros de ata o 60% nos seus desprazamentos, 2.178 euros ao ano

A conselleira lembra que as peaxes da AP-53 son das máis altas de España, cun custo medio de 7,77 cts/km, e impiden que a vía cumpra a súa función de vertebración

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, vén de remitirlle á ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, o estudo para aplicar na autoestrada de conexión entre Santiago e Ourense, a AP-53, as mesmas bonificacións vixentes actualmente na AP-9.

Ethel Vázquez dá así cumprimento ao acordado cos alcaldes dos Concellos da traza da AP-53, tras as reunións celebradas nos meses de outubro e de novembro en atención á solicitude trasladada polo alcalde de Lalín. Nesas xuntanzas acordouse que a Xunta realizaría o estudo para avaliar o impacto que suporía aplicar na autoestrada estatal AP-53 as bonificacións existentes na AP-9 e que, unha vez realizado, o remitiría ao Ministerio para que o tivese en consideración.

Ethel Vázquez solicita do Goberno central sensibilidade para dar cumprimento a esta demanda social, compartida pola Xunta, os Concellos e todas as forzas políticas do Parlamento, e que dote agora a partida orzamentaria necesaria para activar estes descontos nas peaxes xa no vindeiro ano.

O estudo realizado pola Xunta estima en algo máis de 3,2 millóns de euros o investimento preciso para aplicar na autoestrada de conexión entre Santiago e Ourense as mesmas bonificacións da AP-9, isto é: gratuidade da viaxe de volta para os vehículos lixeiros que fagan o regreso en 24 horas empregando telepeaxe; a redución dun 20% adicional, para os que fagan polo menos 20 desprazamentos ao mes; e descontos do 20% para os vehículos pesados, con calquera método de pago.

A conselleira expón, a modo de exemplo, o caso dun veciño de Lalín que se desprace a Santiago e que realice 25 viaxes ao mes, que con estas bonificacións obtería un aforro do 60%, é dicir, podería aforrar 2.178 euros ao ano.

A responsable de Infraestruturas destaca os beneficios de activar estes descontos, xa que suporían reforzar a competitividade do territorio e o incremento da seguridade viaria.

Lembra que esta autoestrada estatal conta con tarifas que se sitúan entre as máis altas de España, posto que o custo medio é de 7,77 céntimos/km (sen IVE), fronte aos 6,12 cts/km de tarifa media da AP-9 logo das bonificacións aplicadas en xullo, e os 5,67 cts/km das autoestradas autonómicas.

A conselleira contrapón a situación da AP-53 coa da autovía de titularidade autonómica, no treito entre Dozón e Ourense, que é totalmente gratuíto porque o paga a Xunta. Lembra que por esta autovía, entre Dozón e Ourense, circulan 8.500 vehículos ao día fronte aos 1.500 que rexistra o treito paralelo da estrada nacional; un tráfico pola N-525 que se eleva ata os 10.000 vehículos no treito paralelo á AP-53, de titularidade estatal e de pago.

Imaxes relacionadas