A Xunta reabre ao tráfico a ponte sobre o río Grande, en Baio

Os traballos de remate das obras, que só precisarán de cortes puntuais, continuarán ao finalizar o período do Nadal para minimizar as afeccións

As obras avanzaron a bo ritmo nas últimas semanas coa montaxe das lousas que conforman o taboleiro ampliado da ponte

Restan agora as actuacións relativas ao aglomerado, ás beirarrúas ou á disposición de sinalización

A Xunta inviste 328.000€ na rehabilitación da ponte para poñer en valor a estrutura e a contorna, tanto as beirarrúas, como as marxes do río e os treitos de acceso á ponte

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2021.- Esta tarde quedou aberta ao tráfico a ponte sobre o río Grande, en Baio, no concello de Zas, tras o avance das obras de ampliación, tal e como se tiña comprometido a Xunta cos veciños e empresarios do municipio.

Unha vez aberta ao tráfico a ponte, continuarán os traballos de remate das obras (aglomerado, beirarrúas, sinalización), que só precisarán de cortes puntuais. Non obstante, para minimizar as afeccións, estes traballos realizaranse xa en 2022, unha vez finalizado o período de Nadal.

Os traballos avanzaron a bo ritmo nas últimas semanas coa montaxe das lousas que conforman o taboleiro ampliado da ponte. Trátase de pezas de 12 metros de longo e con pesos que varían entre as 14 e as 25 toneladas.

Cómpre lembrar que nesta actuación, ante as dificultades técnicas atopadas ao inicio da súa execución, foi necesario acometer unha reorganización dos traballos e da circulación, da que foron informados os alcaldes dos concellos de Vimianzo e de Zas.

A Xunta está a investir 328.000 euros nas obras de rehabilitación e ampliación da ponte sobre o río Grande, co fin de poñer en valor a propia estrutura e a súa contorna, tanto as beirarrúas, como as marxes do río e os treitos de acceso á ponte.

A obra, que conta coa resolución favorable da Comisión Provincial de Patrimonio, céntrase na ampliación da sección transversal mediante a execución dunha lousa de formigón armado, con voadizos en ambos os laterais.
A ampliación permite reordenar o tráfico rodado e peonil, xa que a nova sección transversal posibilitará albergar dous carrís de 3 metros de ancho e beiravías de 0,25 ou beirarrúas de 2,10 metros de anchura.
 

Imaxes relacionadas