Feijóo anuncia a sinatura dun convenio co concello de Ourense para a ampliación do Complexo Hospitalario Universario da cidade

Salienta que o Concello se compromete a achegar ao Sergas 5,2 M€ para exencionar o IBI en favor do novo hospital de Ourense durante os próximos seis anos

Pon en valor que as obras no CHUO permitirán ampliar un 47% a súa superficie, respecto a de hai doce anos
 

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, en rolda de prensa, que a Xunta asinará un convenio co Concello de Ourense para a ampliación do Complexo Hospitalario Universitario da cidade.

Segundo explicou Feijóo, “o Concello comprométese a achegar ao Sergas 5,2 millóns de euros para exencionar o IBI en favor do novo hospital de Ourense durante os próximos seis anos”. As obras licitáronse en xullo por 52,5 millóns de euros e está previsto que se adxudiquen antes de rematar o ano. Suporán a construción dun novo edificio entre o Hospital de Cristal e o Materno-Infantil e a remodelación deste último.

Máis polo miúdo, Feijóo detallou que o novo edificio contará con 280 camas de hospitalización convencional, 38 para ingresos pediátricos e 56 de hospitalización obstétrica; un área de Neonatoloxía con UCI pediátrica; urxencias pediátricas e obstétricas; un servicio de Radioloxía e unha área de diálise.

Logo de lembrar que os orzamentos da Xunta para 2022 contemplan 21,8 millóns de euros para este hospital, Feijóo puxo en valor que as obras no CHUO permitirán ampliar un 47% a súa superficie -respecto a de hai doce anos-. Deste xeito, “triplicaremos o espazo da UCI, crearemos unha nova unidade de medicina nuclear e construiremos un novo edificio ambulatorio e un novo edificio administrativo”, detallou Feijóo.

A maiores, haberá 1,5 M€ para comezar as obras do Centro Integral de Saúde no centro da cidade. “O obxectivo en Ourense é investir 120 millóns de euros”, concluíu Feijóo.
 

Imaxes relacionadas