A iniciativa 'Días Azuis' do comercio galego impulsou as vendas do sector mobilizando máis de 4,5 M€

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou na entrega simbólica dos premios correspondentes ás dúas edicións celebradas en 2021 desta campaña na que colaboran a Xunta, a Federación Galega de Comercio e Abanca

O compromiso da Administración autonómica co sector seguirá presente de cara ao vindeiro ano, para continuar avanzando en eidos como a transformación dixital e a modernización dos establecementos
 

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2021

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou hoxe en Santiago de Compostela na entrega simbólica dos premios correspondentes ás dúas edicións da campaña Días Azuis do Comercio Galego celebradas neste 2021, que tiveron lugar entre o 7 e o 30 de xuño e entre o 1 e o 20 de novembro, respectivamente. A iniciativa, organizada pola Federación Galega de Comercio coa colaboración da Xunta e Abanca, contou cunha alta participación, rexistrándose máis de 236.850 participacións, o que permitiu mobilizar un volume de facturación superior aos 4,5 millóns de euros para o sector.

Días Azuis do Comercio Galego, que chegou este ano á súa oitava edición, ten como obxectivo principal dinamizar as vendas no comercio de proximidade galego e premiar a fidelidade dos clientes. No transcurso do acto celebrado hoxe fíxose entrega a unha representación dos gañadores das súas tarxetas prepago de 250 e de 150 euros. En total repartíronse 26.000 euros en premios este ano.

No eido da dinamización comercial, a Xunta tamén puxo en marcha este ano o Bono Activa Comercio, unha campaña deseñada en colaboración coa Federación Galega de Comercio para fomentar o comercio de proximidade e apoiar a recuperación do sector. Grazas a esta iniciativa acadouse unha mobilización de 25 millóns de euros en vendas nos establecementos de proximidade galegos.

O compromiso da Xunta co sector seguirá presente de cara ao vindeiro ano, con medidas específicas en eidos como a a transformación dixital e a modernización do comercio de proximidade ou os modelos de negocio que aposten pola sostibilidade, o emprego mozo e a economía circular.

Imaxes relacionadas