O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reafirma no Parlamento o compromiso do Goberno galego coa cidade da oliveira

A Xunta destinou máis de 27M€ a obras educativas desde 2009 en Vigo, a cidade con máis investimentos

Este mesmo ano investíronse máis de 2,2M€ en 25 actuacións ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Está proxectada a construción dun novo instituto en Navia, cun investimento de 8M€, unha vez o Concello ceda os terreos precisos

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia destinou máis de 27,3M€ a obras educativas en Vigo no período 2009-2021, converténdoa na cidade galega con máis investimento en infraestruturas de ensino de toda Galicia. Así o explicou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade no Parlamento de Galicia en resposta a unha pregunta parlamentaria, ocasión na que reafirmou o compromiso do Goberno galego con esta cidade.

Cabe lembrar, ademais, que xa está en marcha a rehabilitación do Conservatorio Superior de Música de Vigo e do instituto IES San Tomé de Freixeiro, así como comprometidas ampliacións nos centros integrados de Formación Profesional Manuel Antonio e Valentín Paz Andrade.

No referido ás obras xa acometidas, o conselleiro destacou como algunhas das intervencións máis significativas as ampliacións dos colexios CEIP Alfonso Rodríguez Castelao de Navia (3,2M€), CEIP Pintor Laxeiro (0,5M€) e do instituto IES de Teis (1,5M€), as rehabilitacións do colexio CEIP Virxe do Rocío (2,5M€) e do instituto IES Santa Irene (1,15M€) e a reforma e mellora do Centro de Educación Especial CEE Saladino Cortizo (1,6M€).

Así mesmo, salientou que neste ano 2021, “exercicio no que xa se están a aplicar as premisas recollidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, houbo 25 actuacións desenvolvidas en centros educativos de Vigo, cun investimento de máis de 2,2 M€”.

Novo instituto en Navia

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou tamén que o Goberno galego leva tempo comprometido coa construción dun novo instituto en Navia, dado o crecemento demográfico desta zona, que xa se traduciu na ampliación do colexio.

A devandita infraestrutura educativa está pendente do desenvolvemento urbanístico desta zona. En concreto, a Consellería precisa que o Concello de Vigo ceda unha parcela de 12.576 m², que pertence a un espazo obtido no desenvolvemento do Plan Navia, impulsado polo Instituto galego de Vivenda e Solo (IGVS). Cómpre lembrar que o IGVS ten que entregar á Administración local de Vigo o solar para o equipamento educativo e despois o propio Concello ten que cederllo de novo á Xunta e asinar un convenio para a construción do centro.

O investimento previsto para a construción deste instituto ascende a 8M€. O edificio seguirá o previsto no Plan de Arquitectura Pedagóxica, que busca deseñar un novo modelo de escolas, con espazos flexibles, adaptados a calquera circunstancia, equipados e cómodos, dando resposta ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas.

Incremento da atención preferente

O conselleiro sinalou tamén que os centros de ensino vigueses contan con todo o persoal necesario, “mesmo por riba do establecido nas normativas, e cunha cifra superior á de antes de pandemia pese á caída do alumnado”.

A este respecto destacou que nos centros educativos de Vigo este ano se dobrou o número de unidades de atención preferente para alumnos con necesidades educativas especiais en centros ordinarios e, ademais, hai oito coidadores máis que o curso pasado. “Galicia é, segundo os datos do Ministerio de Educación, a Comunidade máis inclusiva do Estado, cun 93% de alumnado integrado. Isto é así grazas aos cadros de persoal de profesorado e especialistas coas que contamos”, afirmou.

Imaxes relacionadas