O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe a actuación acompañado do alcalde do municipio pontevedrés, Rubén Quintá

A Xunta comproba o avance das obras do novo centro polivalente de Rodeiro

O Goberno galego financia a totalidade da actual fase dos traballos cun investimento de 200.000 euros

O inmoble destinarase, principalmente, a prestar servizo ás persoas maiores e á primeira infancia
 

Rodeiro (Pontevedra), 10 de decembro de 2021

A Xunta salienta o bo ritmo dos traballos do novo centro polivalente de Rodeiro. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, comprobou hoxe sobre o terreo o avance desta actuación, acompañado do alcalde do municipio pontevedrés, Rubén Quintá.

O Goberno galego financia integramente a actual fase das obras deste edificio, que se destinará a usos asistenciais, cun investimento de 200.000 euros. A execución dos traballos corren a cargo do Concello.

A proposta do Concello de Rodeiro é que o centro atenda ás necesidades tanto das persoas maiores como dos máis pequenos da localidade. Tamén se pretende que a infraestrutura acolla outros usos sociais de carácter municipal e espazos para o desenvolvemento de actividades formativas, entre outras.

Mellorar a calidade de vida dos veciños

Perfecto Rodríguez explicou que a finalidade deste equipamento “é mellorar a calidade de vida dos veciños de Rodeiro, a través de accións que fomenten o envellecemento activo e a prevención da dependencia, así como con outros usos destinados aos coidados da primeira infancia”.

A edificación sitúase nunha parcela de titularidade municipal que ocupaban con anterioridade as antigas vivendas dos mestres, próximas ao centro de ensino. Contará con dúas plantas: a planta baixa destinarase na súa maior parte a zona infantil e na primeira habilitaranse aulas e outros espazos para o desenvolvemento de actividades de distinta índole.

Xantar na casa

Por outra banda, o xerente do Consorcio aproveitou a visita para abordar co rexedor de Rodeiro a posibilidade de que este concello se incorpore ao Xantar na casa, programa de atención alimentaria a domicilio que a Xunta desenvolve en colaboración cos concellos.

O obxectivo desta iniciativa é garantir unha dieta saudable, equilibrada e adaptada ás necesidades de cada usuario, que son, principalmente, maiores que viven sos. Tamén se poden beneficiar desta prestación pública as persoas dependentes e a aquelas con poucos recursos que están en risco de exclusión.
Na actualidade son 190 as localidades de toda Galicia adheridas ao Xantar na casa, o que permite atender diariamente a 1745 persoas.