Esta obra conforma a 1ª fase das actuacións ao abeiro do Plan de saneamento desta ría

A Xunta recibe 20 ofertas para executar a mellora do sistema de saneamento nos concellos de Cee e de Corcubión, cun investimento de 8,1 M€

A Xunta adxudicará as obras no 1º trimestre de 2022 e comezará os traballos na primavera co obxectivo de rematalos a finais de 2023

Renovarase o colector das Laxes e construiranse un tanque de tormentas, un novo colector nas Monxas e un novo bombeo ata a depuradora

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2021

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu un total de 20 ofertas para executar a obra de mellora do sistema de saneamento nos concellos de Cee e de Corcubión, licitada por un investimento autonómico de máis de 8,1 millóns de euros.

Das 20 ofertas presentadas, 4 delas están conformadas por UTE, o que supón un total de 24 empresas.
As actuacións conforman a primeira fase das intervencións proxectadas pola Xunta ao abeiro do Plan de saneamento da ría de Cee e Corcubión e o seu obxectivo é solucionar as deficiencias que presenta na actualidade a rede de saneamento municipal destes dous concellos, redundando na mellora da calidade das augas desta ría.

O departamento que preside Ethel Vázquez adxudicará as obras no primeiro trimestre de 2022 para empezar, na primavera, coa súa execución. Prevese que os traballos estean rematados a finais de 2023, xa que contan cun prazo de execución de 18 meses.

Estas obras están cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Galicia Feder 14-20.

O obxecto do contrato

O proxecto obxecto deste contrato redactouse a partir dun estudo previo que constatou deficiencias nos bombeos, na rede de colectores e nos pozos de rexistro, con abundantes entradas de auga de mar e de chuvia, que provocan vertidos e dificultan o funcionamento da depuradora, tamén obsoleta.
Estes problemas severos da rede de saneamento municipal de Cee, ademais de provocar eses vertidos aos ríos, tamén causa que a praia urbana teña habitualmente indicación de prohibición do baño e prexudican, ademais, a actividade dos profesionais do mar.

Para solucionar estes problemas as obras que se van realizar comprenden a renovación do colector das Laxes, reparándose as canalizacións da marxe dereita do río; a construción dun tanque de tormentas; a execución dun colector que substituirá o bombeo das Monxas e que conducirá as augas ata o tanque de tormentas e cara á depuradora.

Tamén se habilitarán un ‘by-pass’ e un colector de vertido, que permitan que as augas sexan dirixidas ao tanque de tormentas ou aliviadas; e construirase un novo bombeo ata a depuradora desde o tanque de tormentas.

Esta actuación, ademais de solucionar os problemas das redes de saneamento, achegará valor engadido ao municipio, coa integración paisaxística do tanque de tormentas, cun merendeiro, un paseo, un parque infantil e mesmo un rocódromo.

Outras actuacións

Augas de Galicia tamén está a redactar o proxecto de construción da nova depuradora, manténdose a aposta autonómica por apoiar aos municipios galegos na solución dos seus problemas para a xestión dos servizos urbanos do ciclo da auga.
Esta intervención, cuxa redacción do proxecto foi licitada por 347.000 euros, correspóndese coa segunda fase das actuacións proxectadas ao abeiro do Plan de saneamento da ría.

A Xunta continúa prestando apoio técnico e económico aos concellos para que poidan desenvolver de xeito eficiente as súas competencias de saneamento e abastecemento, reforzando as garantías relativas á saúde pública, ao medio natural, á pesca, ao marisqueo ou ao turismo.