O conselleiro de Cultura e Educación preside o acto de celebración do décimo aniversario da rede, que conta coa presenza do experto en innovación educativa Richard Gerver

Román Rodríguez destaca o papel fundamental da Rede de Formación do Profesorado para converter o modelo educativo galego nun referente en España

Entre os fitos desta década destaca a creación do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), os plans de formación de profesorado en centros ou a Aula Nova experimental para introducir no ensino as metodoloxías máis avanzadas

Marca como obxectivos reforzar iniciativas que favorezan a calidade e a equidade, a inclusión educativa e a atención á diversidade, a convivencia e o benestar persoal

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu hoxe a celebración do décimo aniversario da Rede de Formación do Profesorado, onde destacou o “papel fundamental que tivo para consolidar o modelo educativo galego, que hoxe é un referente en toda España”. “Un modelo –abondou o representante autonómico– que aposta polo desenvolvemento das competencias dixitais e as competencias (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), polo plurilingüismo para favorecer a internacionalización dos nosos centros e promover o respecto cara outras culturas e pola educación en valores, convertendo as nosas aulas en espazos onde se fomenta a convivencia, a inclusión e a igualdade”.

“Os galegos sentímonos orgullosos do noso sistema educativo e de todos os profesionais que traballan día a día nel, grazas aos que Galicia se sitúa en postos de cabeza en informes tan prestixiosos como PISA”, incidiu o titular de Educación da Xunta de Galicia.

Entre os principais fitos nesta década, o conselleiro salientou a creación do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), “que vén exercendo como epicentro e eixo vertebrador da nosa rede de formación do profesorado”. A este respecto, destacou a incorporación de ferramentas tecnolóxicas ou o impulso de iniciativas como os plans de formación do profesorado en centros, que na actualidade inclúen a máis do 84%.

A creación da Aula Nova do CAFi – con réplicas no resto dos Centros de Formación e Recursos– foi outro dos fitos máis significativos, un espazo de encontro, aprendizaxe e experimentación dispoñible para os docentes da Comunidade, onde poden formarse, desenvolver un proxecto ou materializar unha boa práctica apoiada na tecnoloxía.

Exemplo na pandemia

Román Rodríguez referiuse á “resposta excepcional da rede ante a crise sanitaria, cun inxente esforzo por formar a boa parte dos 30.000 docentes en ferramentas dixitais, clave para o escenario educativo do momento”. Como explicou, durante o pasado curso escolar, malia a situación de excepcionalidade, realizáronse 5.800 actividades formativas a través de distintas modalidades, o que supón un incremento da oferta do 11% con respecto ao ano anterior. Isto traduciuse en preto de 49.000 certificacións e máis de 100.000 horas de formación, un 15% máis ca o ano anterior. Tamén lembrou que Galicia foi pioneira neste 2021 cun plan específico para o benestar emocional da comunidade educativa.

En clave de futuro, comprometeuse a seguir “apoiando e reforzando a Rede de Formación do Profesorado nos retos que están por vir nesta nova década”. De feito, o Plan de Formación do Profesorado para este curso que supera as cifras históricas do anterior, de tal forma que está previsto superar as máis de 6.000 accións formativas, máis de 110.000 horas de formación, 50.000 certificacións e máis de 40.000 docentes formados.

“Pero tamén seguiremos avanzando da man e de xeito conxunto en aspectos prioritarios para o nosos sistema educativo e para a Galicia do futuro –incidiu o conselleiro–, promovendo iniciativas a prol da calidade, equidade, a inclusión educativa e a atención á diversidade, a mellora da convivencia e do benestar persoal”, así como continuando coas accións formativas centradas na aprendizaxe de linguas e a internacionalización e no emprego de recursos e ferramentas dixitais en todos os ámbitos da función docente.

“Estou convencido de que a próxima década será, ao igual que esta, un camiño de éxitos compartidos no que a rede de formación seguirá exercendo como un dos motores do noso sistema educativo e un dos principais piares do mesmo”, afirmou.

Xornada de encontro de 200 docentes

Baixo o lema Unha década na formación permanente do profesorado. 2011-2021, a xornada de hoxe reúne a arredor de 200 docentes no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia, un encontro no que se abordan asuntos como o liderado, as redes e ecosistemas de ensino e aprendizaxe ou as boas prácticas de centros educativos ao respecto. O relatorio central corre a cargo do británico Richard Gerver, unha referencia internacional e un dos precursores da Nova Educación, enfocada nas metodoloxías innovadoras.

Imaxes relacionadas