Fernández-Tapias convida aos centros escolares da área territorial de Vigo a seguir o exemplo do CEIP da Cruz de Nigrán, galardoado no concurso ‘Pilabot‘

A delegada territorial da Xunta en Vigo subliñou o compromiso coa reciclaxe dos escolares galegos ao recuperar 59 toneladas de pilas no marco desta iniciativa

A finalidade desta campaña de sensibilización ambiental é fomentar entre o alumnado a recollida selectiva dun tipo de residuos de alta carga contaminante

Recorda que o prazo de inscrición da terceira edición remata hoxe, 10 de decembro

Vigo, 10 de decembro de 2021

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, convidou hoxe aos centros escolares da área territorial a seguir o exemplo marcado polo CEIP da Cruz de Nigrán, galardoado na última edición do concurso de recollida de pilas ‘Pilabot’. Un certame no que participaron 150 centros de educación primaria e secundaria de toda Galicia e que se saldou coa recollida de preto de 59 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, un 34% máis na primeira edición.

O fixo con ocasión da entrega ao director do centro nigranés do diploma que o acredita como gañador do segundo premio do certame na categoría de recollida total de pilas. Este concurso constaba de dúas categorías: quilos de pilas, baterías e acumuladores recompilados nos contedores dos propios centros e cifras de recollida por alumno.

Concretamente, na primeira categoría o CEIP da Cruz de Nigrán acadou o segundo premio con 2,9 toneladas só superado polo CEIP As Solanas Gutiérrez da Guarda, que logrou recuperar 4 Tn durante as seis semanas de concurso.

Fernández-Tapias subliñou o compromiso coa reciclaxe dos escolares galegos ao recuperar 59 toneladas de pilas no marco desta iniciativa, unha cifra extraordinaria, dixo, para instar á comunidade escolar a seguir apostando pola recuperación deste tipo de residuos tanto no colexio como na casa.

Campaña ‘Pilabot’

E ás portas de cerrar a inscrición da terceira edición de ‘Pilabot’ -o prazo remata hoxe, a través da páxina web do concurso- a representante autonómica animou aos centros educativos da área territorial de Vigo a participar no concurso, que conta cun total de 150 prazas dispoñibles.

A actividade central volverá ser o concurso escolar de reciclaxe de pilas, baterías e acumuladores de xeito que unha vez pechada a inscrición, repartiranse entre todos os participantes bidóns colectores e material informativo como paso previo ao arranque da recollida, que comezará oficialmente o 13 de xaneiro e se prolongará en cada centro durante un período de seis semanas.

Cómpre lembrar que a campaña Pilabot foi posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración cos xestores deste tipo de residuos autorizados en Galicia (Ecopilas, ERP e Ecolec).

As pilas e baterías son un tipo de residuos que teñen unha alta carga contaminante. A modo de exemplo, unha soa pila de botón, como a que se emprega nun reloxo, pode contaminar ata 600.000 litros de auga, o que equivale ao consumo de 30 persoas durante toda a súa vida polo que resulta primordial que este tipo de residuo se deposite no colector correspondente para darlle o tratamento axeitado.

Ademais, as pilas atópanse en múltiples dispositivos, como xoguetes, cámaras, lanternas ou reloxos, polo que desde a Consellería de Medio Ambiente considérase fundamental fomentar a súa correcta separación non só nos fogares, senón tamén nos traballos, centros de ocio e colexios, un dos mellores lugares para trasladar ás futuras xeracións a importancia de separar ben e depositar estes residuos en contedores específicos.

Imaxes relacionadas