A Xunta contribuirá a consolidar máis de 100 empregos de mulleres na provincia de Lugo en 2021 grazas ao plan Emega de emprendemento feminino

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, puxo en valor o compromiso do Goberno galego coa iniciativa empresarial feminina que atopa a súa “máxima expresión” no programa Emega de emprendemento de mulleres

Participou na presentación da cuarta edición dos premios Son Muller cos que a Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (Aelu) recoñece novas iniciativas e empresas que teñen á fronte unha muller

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na presentación da IV edición dos premios Son Muller que convoca a Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo (Aelu), ocasión que aproveitou para poñer en valor o compromiso da Xunta a prol do emprendemento feminino por medio do programa Emega que en 2022 contará cun orzamento histórico de 4,2 millóns de euros, tendo apoiado en 2021 máis de 40 iniciativas na provincia de Lugo, o que contribuirá a consolidar máis de 100 empregos femininos.
López Abella agradeceu á Aelu o seu traballo para recoñecer destacadas iniciativas empresariais promovidas por mulleres nesta provincia, o que permitirá, segundo indicou, a difusión da cultura empresarial con referentes próximas.
A Consellería de Emprego e Igualdade destina 4.000 euros á convocatoria do certame, por difundir o emprendemento e o autoemprego feminino como instrumentos para xerar riqueza e emprego na provincia luguesa. Tal e como dixo, a máxima expresión da aposta do Goberno galego por esta fórmula é o programa Emega, que este 2022 contará cun orzamento histórico que acadará os 4,2 millóns de euros.
En 2021, grazas ao programa Emega, a Xunta apoiará a 43 emprendedoras luguesas cun importe total de 653.000 euros, o que permitirá consolidar un total de 102 empregos de mulleres na provincia.
No acto de hoxe celebrado en Santiago de Compostela, presentouse a nova convocatoria de premios Son Muller 2021 para a provincia de Lugo, cos que se recoñecerá un ano máis o papel relevante das mulleres emprendedoras, empresarias e empresarias rurais, como piar e motor económico da provincia. López Abella puxo en valor o obxectivo deste certame que ten como meta fundamental promover, visibilizar, homenaxear e potenciar a participación da muller no seu entorno económico e social.
Os premios teñen como destinatarias a emprendedoras e empresarias da provincia de Lugo, que poden formalizar a súa inscrición ata o próximo 25 de decembro.
Representantes da Xunta formarán parte do xurado, xunto con membros da asociación, de diferentes administracións e do mundo da empresa e da sociedade lucense. O fallo darase a coñecer ás premiadas o 27 de decembro e a entrega de premios realizarase no curso da gala Son Muller o día 29 de Nadal.
A organización concederá dous premios en cada unha das tres categorías; a primeira, para recoñecer a unha emprendedora cun proxecto empresarial cuxa actividade económica leve en marcha un máximo de 42 meses; a segunda, á empresaria destacada en 2021 na provincia de Lugo; e o terceiro, o Son Empresaria Rural, dirixido a proxectos orixinais e innovadores de mulleres rurais, baseados en actividades agrarias e complementarias, así como en actividades agro alimentarias, turísticas, industriais, ou que fomenten a diversificación da actividade económica.
A asociación realizará un recoñecemento especial tamén a unha empresaria lucense de prestixio na provincia.

Imaxes relacionadas