Os conselleiros de Educación e de Sanidade participaron na reunión deste órgano asesor en materia educativa

O Comité Educativo avalía a situación na comunidade escolar a piques de iniciar a vacinación dos menores de 12 anos e as vacacións de Nadal

Os datos reflicten que os protocolos funcionan e que o elemento diferencial é a vacinación, xa que o 80% dos casos concéntranse no grupo de cinco a 12 anos fronte á mínima incidencia do grupo de 12 a 19, o de menor afección na sociedade

Faise un chamamento a manter a prudencia e a non baixar a garda nos oito días lectivos que restan e, sobre todo, durante as festas de Nadal

Santiago de Compostela, 9 de decembro 2021

O Comité Educativo analizou hoxe a situación sanitaria na comunidade escolar ás portas das vacacións de Nadal, con oito días lectivos por diante ata o remate das clases, e coa previsión de comezar a vacinar os nenos menores de 12 anos a partir da vindeira semana.
Os conselleiros de Cultura, Educación e Universidade e de Sanidade, Román Rodríguez e Julio García Comesaña, interviñeron na reunión do órgano asesor da Xunta en materia educativa, onde se analizou a situación da poboación vinculada aos centros así como a organización do proceso de vacinación. Ambos coincidiron en facer un chamamento a seguir respectando as medidas de prevención durante os días que restan de actividade lectiva e, especialmente, nas festas de Nadal. Do mesmo xeito, reiteraron o agradecemento ao conxunto da comunidade educativa -especialmente ao alumnado e ao profesorado- pola súa responsabilidade diaria no cumprimento dos protocolos.

A análise pormenorizada dos datos dos grupos sociais vinculados a centros educativos revela que o 80% dos 1881 casos activos a día de hoxe se concentra nos menores de 12 anos, fronte á mínima incidencia no grupo de entre 12 e 19 anos, que é o grupo de poboación con menor afección da sociedade. Isto confirma que os protocolos están funcionando e que a vacina é o principal elemento diferencial entre ambos.

Así pois, confírmase que a evidencia de contraste está entre os grupos de vacinados e non vacinados, xa que nos non vacinados -Infantil e Primaria- é onde se concentra a meirande parte dos casos pese a que non houbo cambios no protocolo respecto ao ano pasado. Pola contra, en Secundaria rexístrase a incidencia máis baixa do conxunto da poboación.

A Xunta tamén informou ao Comité Educativo da planificación da administración das arredor de 60.000 doses que está previsto que Galicia reciba a vindeira semana, coa previsión de comezar a vacinar desde o mércores 15 a este grupo de idade.

Imaxes relacionadas