Política Social reúnese coa Asociación Alborada para analizar o funcionamento do seu centro de día e do programa de intervención con adolescentes

A Xunta achega cada ano 500.000 euros a esta entidade para a posta en marcha destes servizos

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2021

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, mantivo unha reunión con representantes da Asociación Alborada para coñecer de primeira man os servizos que presta. A Consellería de Política Social achegará anualmente preto de 500.000 euros a esta entidade para financiar o seu centro de día e tamén o programa de intervención ambulatoria con adolescentes en situación de dificultade social e desprotección.

A través do centro de día, emprazado en Vigo, aténdese a menores en acollemento residencial. Alí promóvese a mellora da relación do adolescente coa súa familia co fin de preservar a convivencia e evitar a súa separación. A Administración autonómica destina 375.000 euros a este servizo, que conta cunha vintena de prazas.

Pola súa banda, co Programa de intervención ambulatoria con adolescentes en situación de dificultade social e desprotección, ao que a Xunta de Galicia destina 110.000 euros, Alborada atende situacións derivadas de problemas como o consumo de substancias tóxicas ou relacións disfuncionais coas súas figuras parentais. Polo tanto, ofrece orientación e tratamento terapéutico especializado para atallar estes problemas.

Imaxes relacionadas