A directora xeral de Patrimonio Natural inaugurou esta mañá en Ourense a exposición itinerante sobre estes espazos, para conmemorar o 50 aniversario da creación do programa Home e a Biosfera (MaB)

A Xunta lembra que as tres reservas de biosfera de Ourense poden optar aos 6,4 millóns de euros de axudas para actuacións de mellora e conservación

As reservas de Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel e a Transfronteiriza Gerês-Xurés, xestionadas pola Xunta, dispoñen dun crédito directo de 1,3 millóns de euros

Tamén se establece unha orde de axudas dirixidas aos órganos xestores das reservas, entre as que se atopa a reserva Área de Allariz, de 1,8 millóns de euros, que prevé a concesión de subvencións de ata o 100%

Belén do Campo adianta que na recentemente nomeada da Ribeira Sacra realizarase un plan de sinalización e visibilidade

Ourense, 9 de decembro de 2021

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, lembrou esta mañá que a Xunta habilitou unha partida de 6,4 millóns de euros á que poden optar as tres reservas de biosfera presentes na provincia de Ourense: Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, Transfronteiriza Gerês-Xurés e Área de Allariz.

A directora xeral detallou esta mañá as diferentes liñas de actuacións que se convocarán no vindeiro ano durante a inauguración da exposición itinerante sobre a riqueza natural que atesouran as sete reservas de biosfera de Galicia, onde estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Explicou que grazas a estes incentivos poderán levarse a cabo accións e proxectos para desenvolver o potencial destes espazos naturais, para que sigan poñendo no punto de mira a nivel mundial as excelencias naturais e paisaxísticas de Galicia.

Concretou que no caso das reservas xestionadas directamente pola Xunta, como a Ribeira Sacra e Gerês-Xurés —a única internacional, compartida co norte de Portugal—, disporase un crédito directo de 1,3 millóns de euros. De feito, na Ribeira Sacra, a última reserva en declararse, Do Campo adiantou que se levará a cabo unha actuación de sinalización e visibilidade.

Explicou que tamén se disporán axudas dirixidas aos xestores do resto de reservas, entre as que se atopa a Área de Allariz —xestionada por unha asociación de concellos-, para o financiamento de actuacións de conservación de hábitats, restauración de ecosistemas degradados e melloras das infraestruturas de uso público. As axudas concedidas ao abeiro desta orde bianual, dotada cun orzamento de 1,8 millóns de euros, poden chegar o 100% do custo da actuación.

Estas liñas de subvencións completaranse cunha terceira para aqueles concellos e entidades sociais, ambientais e comunidades de montes que se integran no territorio dunha reserva da biosfera. Así, grazas a unha contía global de 3,2 millóns de euros subvencionarase proxectos para a eliminación de especies exóticas invasoras, a conservación do patrimonio etnográfico —como hórreos, cruceiros, lavadoiros ou fornos— e a creación de sendas, áreas de descanso ou miradoiros.

Exposición itinerante

A mostra inaugurada esta mañá en Ourense é unha iniciativa da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en colaboración co Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia (Ceida), para celebrar o 50 aniversario da creación do programa sobre o Home e a Biosfera (MaB) da Unesco.

Está instalada na rúa do Paseo -ata o sábado 11 de decembro- e consta de nove paneis informativos, onde se pon o foco nos valores medioambientais, culturais e paisaxísticos que atesouran as reservas, así como na importancia de apostar polo desenvolvemento sostible para facilitar a actividade económica e social de quen habita estes espazos.

Ourense recolleu o testemuño de Lugo, cidade onde arrincou esta exposición, que continuará o seu periplo en Vigo —onde chegará o luns 13 de decembro—; saltará a Santiago de Compostela do 18 ao 21 deste mes; en Ferrol poderá visitarse desde o 23 ao 26; na Coruña permanecerá a partir do 28 de decembro ata o 2 de xaneiro; e pechará o seu itinerario na cidade de Pontevedra, onde se poderá visitar no primeiro mes de 2022.

Imaxes relacionadas