A gratuidade das escolas infantís beneficiará a máis de 3500 nenas e nenos de Lugo dende o vindeiro curso

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explica que a medida suporá un investimento de máis de 3,1 millóns de euros na provincia

Lugo, 9 de decembro de 2021

Máis de 3500 nenos e nenas de Lugo beneficiaranse da decisión da Consellería de Política Social de financiar todas as prazas das escolas infantís de Galicia de forma que resulten gratuítas para as familias. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, sinalou que a proposta suporá un investimento de 3.129.000 euros na provincia.

Arias explicou que o Goberno galego asumirá a partir do vindeiro curso os gastos de matrícula e de atención educativa dos usuarios en todas as escolas infantís, sexan públicas (tanto autonómicas como municipais) como de iniciativa social ou privada. Esta medida aplicarase nos 97 centros existentes na provincia de Lugo, entre eles os que xestiona a propia Xunta, os concellos, os de iniciativa privada ou as casas niño.

“Máis do 65% dos nenos e nenas lucenses de 0 a 3 anos terán dende o próximo curso un servizo de atención gratuíto -apuntou o delegado- e traballamos para seguir estendendo a oferta, especialmente no rural grazas á ampliación da rede de Casas Niño”. Deste xeito, engadiu, “procuramos recursos de conciliación ás familias en todo o territorio”.

Trátase dunha medida pioneira en España, que sitúa a Galicia á vangarda na atención infantil, e “proba, unha vez máis, que unha das grandes prioridades da Xunta é ofrecer servizos sociais de calidade aos galegos e galegas, tanto nas cidades como nos núcleos rurais”, afirmou Arias.

Neste sentido, lembrou que a terceira parte dos beneficiarios, máis de 1100 nenos e nenas, xa reciben na actualidade atención sen custo, debido a que o pasado ano entrou en vigor a resolución que establece a gratuidade a partir do segundo fillo matriculado. Ademais, esta oferta educativa vese reforzada desde 2016 coa apertura das casas niño, centros gratuítos para todos os usuarios situados en concellos do rural. O Goberno galego prevé rematar este ano con preto de 90 centros destas características repartidos por toda a Comunidade, o que supón outras 450 prazas.