A Xunta recibe 3 ofertas para executar as sendas peonís de Vilar de Cas e Güimil e a mellora da contorna do santuario de Couso de Salas, en Muíños, cun investimento de 200.000 €

O Goberno galego prevé comezar na primavera esta intervención na estrada OU-302 para pór á disposición dos veciños estes novos itinerarios para desprazarse con máis seguridade

Habilitaranse 3 treitos de sendas pola marxe dereita da vía en Vilar de Cas, que suman 450 metros de lonxitude, e outros 100 metros no lugar de Güimil, para facilitar os desprazamentos entre o centro sociocultural e as vivendas da zona

Tamén se prevé mellorar a accesibilidade, a reposición de beirarrúas e a colocación dunha marquesiña na contorna do santuario, así como a execución dun pequeno muro de contención e a reparación dunha cuneta deteriorada no lugar de Souto de Limia
 

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2021

A Xunta recibiu 3 ofertas de empresas interesadas en executar as obras das sendas peonís en Vilar de Cas e Güimil e da mellora da contorna do santuario de Couso de Salas, no concello de Muíños, que suporán un investimento autonómico de case 200.000 euros.

O obxectivo da Xunta é iniciar as obras a comezos da primavera para que poidan estar rematadas no vindeiro outono, pois teñen un prazo de execución de seis meses.
Trátase de poñer á disposición dos veciños un total de 560 metros de novos itinerarios que lles permitan desprazarse dun xeito máis cómodo e seguro.

A actuación proxectada en Vilar de Cas suporá habilitar 3 treitos de sendas pola marxe dereita da estrada, que suman 450 metros de lonxitude, incluíndo, tamén, a drenaxe para a condución das augas pluviais e da rede de sumidoiros.

Igualmente, actuarase na marxe dereita da OU-302 no lugar de Güimil, executando outros 100 metros de senda para facilitar os desprazamentos entre o centro sociocultural e as vivendas da zona.

Ademais mellorarase a accesibilidade na contorna do santuario de Couso de Salas, coa reposición de beirarrúas e coa colocación dunha marquesiña na parada de autobús. A ese respecto, aínda que neste núcleo existen beirarrúas cun ancho aproximado de 1,5 metros, está previsto mellorar a súa accesibilidade e reparar as baldosas e os bordos deteriorados, ademais de dotar de pavimento podotáctil as ramplas e os vaos dos pasos peonís.

Tamén se actuará no lugar de Souto de Limia, respondendo a unha necesidade detectada polos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, coa execución dun pequeno muro de contención e a reparación dunha cuneta deteriorada.

A Xunta mantén a súa aposta polos concellos do rural contribuíndo, con investimentos coma este, a mellorar os servizos aos veciños.

O Goberno galego financiará estas obras con fondos do eixe React-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.