A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe as obras de demolición na vella terminal, que acadan un grado de execución do 50% e supoñen un investimento de 1,4 M€

Ethel Vázquez avanza que a Xunta rematará en xaneiro a demolición da estación de autobuses de Santiago para licitar en marzo a 1ª fase da Cidade de San Caetano, cun investimento de 21 M€

Estanse a derribar os 13.000 m² de superficie construída, distribuídos en tres andares, agás os edificios das oficinas municipais e o parque de bombeiros, que non se demolerá a curto prazo segundo o acordado co Concello

O obxectivo é evitar que quede un edificio baleiro e sen funcionalidade e preparar o terreo para seguir facendo cidade coa execución dos novos edificios administrativos

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta rematará en xaneiro a demolición da estación de autobuses de Santiago para licitar en marzo as obras da 1ª fase da Cidade de San Caetano, cun investimento de 21 millóns de euros.

Vázquez Mourelle supervisou hoxe os avances nos traballos que están en execución desde o pasado mes de setembro na vella terminal de autobuses, centrados na demolición do edificio principal da terminal, unha vez que quedou en desuso tras a posta en servizo da nova estación de autobuses de intermodal o pasado mes de maio.

Segundo explicou a conselleira, a intervención que se está a acometer supón a demolición de 13.000 m² de superficie construída, distribuídos en tres andares, manténdose os edificios anexos destinados a oficinas municipais e o parque de bombeiros, que non se demolerá a curto prazo, segundo o acordado co Concello, con quen están coordinadas estas actuacións.

Ethel Vázquez explicou que os traballos de demolición se están a levar a cabo elemento a elemento, seguindo, como criterio xeral, a orde inversa ao que corresponde á construción dunha obra nova: procedendo desde arriba cara a abaixo e procurando que a demolición se realice ao mesmo nivel.

Os traballos comezaron, primeiramente, co valado perimetral da parcela, establecendo as medidas de seguridade pertinentes para levar a cabo a actuación e instalando a báscula para o pesado de cada un dos residuos xerados na obra.

Nas primeiras semanas as tarefas centráronse, fundamentalmente, nas desconexións de acometidas dos servizos de abastecemento de auga, telecomunicacións, gas e electricidade. Procedeuse, despois, á desmontaxe dos interiores e ao despexe do espazo, coa retirada de luminarias, falsos teitos, carpintería, tabiques e illamento para deixar baleiro o edificio da terminal de pasaxeiros.

Segundo detallou a titular de Infraestruturas, a mediados de novembro as obras entraron nunha nova fase, coa chegada da maquinaria de brazo longo para acometer os traballos máis complexos de demolición. Esa maquinaria permitiu demoler xa a cuberta, a fachada e a estrutura metálica das dársenas.

A conselleira explicou que, nestes momentos, estase a comezar a demolición das estruturas de formigón da dársena de autobuses para pasar logo ao edificio principal da terminal de viaxeiros, onde se está retirando a protección da cuberta para tirar o edificio.

Destacou que xa hai unha boa parte da estrutura demolida, o que permite acadar un grado de execución dos traballos do 50%. Ademais, téñense xestionado xa 120 toneladas de residuos: madeira, material de illamento, plásticos, vidro, escaiolas.

Ethel Vázquez salientou que o obxectivo é que as obras de demolición da vella terminal de autobuses de Santiago queden rematadas na 2ª quincena de xaneiro, logo dun investimento da Xunta de 1,4 M€.

A conselleira puxo o acento nesta actuación da Xunta para seguir facendo cidade en Santiago. Deste xeito, ao tempo que se evita deixar un edificio baleiro e sen funcionalidade dotarase Compostela dun novo edificio administrativo e espazos verdes que acheguen valor engadido e maior atractivo a esta zona, coa construción da nova Cidade de San Caetano.

Segundo detallou Ethel Vázquez, en xaneiro disporase do proxecto de execución do novo edificio administrativo, coa previsión de licitar as obras da 1ª fase da Cidade de San Caetano en marzo, cun investimento próximo aos 21 M€.

Dotarase así un novo espazo de traballo máis moderno e eficiente, mellor adaptado ás necesidades actuais da administración autonómica, coa conseguinte racionalización e aforro de custos, evitando o pagamento de alugueres.

Nesta 1ª fase construiranse os 2 primeiros módulos do edificio, preto de 10.000 m² destinados a oficinas que permitirán albergar arredor de 650 postos de traballo. Os orzamentos de 2022 recollen a partida necesaria, 7,7 M€, para impulsar as obras da cidade administrativa de San Caetano, ademais da remodelación interior e mellora da envolvente do actual edificio.

Imaxes relacionadas