A Xunta inicia o período de consulta pública do Plan de seguridade viaria de Galicia 2021-2025, que incorpora a visión cero vítimas nas estradas

Poderanse trasladar achegas a este documento ata o 22 de decembro

A Xunta presentaralles o borrador do plan aos axentes sociais o vindeiro martes co fin de avanzar na elaboración do documento definitivo e poder aprobalo en xaneiro

O plan incidirá en accións para colectivos específicos como os peóns, os ciclistas, os maiores, os nenos, os peregrinos ou os transportistas, entre outros

Tamén se intensificará a iniciativa “estradas que perdoan”, con intervencións dirixidas á redución das consecuencias da sinistralidade por saída de vía

 

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2021

A Xunta vén de iniciar o período de consulta pública do Plan de seguridade viaria de Galicia 2021-2025, pioneiro en España ao incorporar a “visión cero vítimas nas estradas”.
Os interesados poderán presentar achegas a este documento ata o vindeiro 22 de decembro. No seguinte enlace á web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade pódese ampliar a información do plan: https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/seguridade-viaria/plan
Cómpre lembrar que o pasado 27 de setembro a Xunta presentou este plan aos axentes sociais, que serán convocados de novo o vindeiro martes para abordar o borrador do plan, no marco do procedemento de participación para a elaboración do documento definitivo.
O Goberno galego prevé aprobar o plan no vindeiro mes de xaneiro para comezar a desenvolver as medidas nel recollidas a inicios de ano.
A Xunta reitera a chamada á participación dos distintos axentes implicados na elaboración do plan, dada a importancia de contar coas achegas das organizacións que traballan a diario neste eido e, polo tanto, os mellores coñecedores das medidas e actuacións máis necesarias no eido da seguridade viaria.
O novo Plan de seguridade viaria de Galicia nace co obxectivo final de acadar cero vítimas de tráfico. Para iso recollerá estratexias seguidas polos países de referencia nesta materia, como Suecia, Holanda ou Alemaña, ademais de afondar nunha maior colaboración con outras administracións.
A nova planificación incidirá en accións específicas para usuarios como os peóns, os ciclistas, os maiores, os nenos, os peregrinos, transportistas, repartidores ou empregados de conservación, entre outros.
Tamén se intensificará o concepto “estradas que perdoan”, con intervencións dirixidas á redución das consecuencias da sinistralidade por saída de vía, dando continuidade a traballos que xa se levan a cabo.

A seguridade viaria, unha prioridade

O Goberno galego vén redobrando o esforzo técnico e económico nos últimos anos para reforzar a seguridade viaria das estradas, a través de actuacións de viabilidade invernal, de conservación ordinaria ou extraordinaria co Plan de reforzos de firme, cun orzamento anual de arredor de 20 M€.
No marco destas iniciativas, destacan o Plan de sendas de Galicia, que xa permitiu habilitar 170 km de novos itinerarios, ou a Estratexia para actuar nos puntos de concentración de accidentes das estradas autonómicas, cun investimento de preto de 16 M€.
O Executivo autonómico tamén vén apostando polas accións de concienciación con campañas como a que leva por lema “Mirar por min é mirar por todos. Porque na estrada somos pezas fráxiles”. Esta iniciativa estivo centrada nos peóns e logo nos condutores, para chamar a atención sobre as condicións climatolóxicas do cambio de estación ou a importancia de manter o vehículo en condicións idóneas.
A Xunta tamén repartiu, ademais, 33.000 prendas reflectantes para peóns e ciclistas nos últimos anos e impulsou a campaña de sensibilización dirixida aos nenos de educación primaria baixo o lema “O Corazón está do teu lado”, entre outras actuacións.